'Mañá', o "himno da recuperación"

Máis dunha ducia de artistas locais participan nunha canción, encargada polo Concello de Pontevedra, para "visibilizar o talento que temos a nivel musical e para animar á xente de cara ao día despois"

Dous mozos de 16 e 18 anos, Mariña Paz (Furious Monkey House) e Thomas Argibay, co apoio do músico e mestre Gonzalo Maceira e a produción de Iago Lorenzo, están detrás de Mañá, unha canción que conseguiu reunir a máis dunha ducia de artistas locais para interpretala.

Entre eles están algúns dos vocalistas e músicos máis importantes da cidade: de Violeta Mosquera (Bala) a José Barros (Dismal), pasando por Camilo SoulMacklein (ex Delahoja), Checho Malkeda, Laura García (Moloch, Grima), Tea é un paxaro, Rodrigo Valiente e Xaquín Moreda (membro de Maravallada ademais de concelleiro de Urbanismo e Patrimonio).

O tema, que conta cun videoclip de José Aragunde, no que se inclúen animacións da creadora Ana Seoane, subiuse á canle de YouTube do Concello de Pontevedra. Segundo o alcalde, "este é o noso himno da recuperación". Para Miguel Anxo Fernández Lores, que presentou a canción xunto ao concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, o encargo do tema tiña un dobre obxectivo: "Visibilizar o talento que temos a nivel musical na cidade, que é tremendo, e animar á xente de cara ao día despois da pandemia".

A proposta completarase cun encontro colectivo de todos os participantes o venres 8 de maio, ás 19.00 horas, na canle de YouTube do Concello de Pontevedra, ao que se animou a sumarse á cidadanía.

Comentarios