martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

Manifesto 25-N na cidade de Pontevedra

Acto do Colectivo Feminista de Pontevedra na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE
Acto do Colectivo Feminista de Pontevedra na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE
Reproducimos, na súa integridade, o texto do manifesto feito e asinado polo Colectivo Feminista en Pontevedra para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres ► En España lévanse contabilizado dende que hai rexistros 1.200 vítimas de violencia machista, 70 delas este ano 

HOXE reunímonos aquí, en Pontevedra, este 25N, Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para reivindicar que as violencias machistas son unha lacra. Esta forma de violencia constitúe unha gravísima vulneración dos dereitos humanos e atenta contra o dereito á igualdade entre mulleres e homes.

O machismo mata. O machismo fai que cada ano morran asasinadas mulleres a mans de parellas, exparellas e homes que non teñen ningún vínculo coa vítima.

Temos que facer mención á violencia que estes homes exercen, xa non só contra nós, as mulleres, se non tamén contra as nosas fillas e fillos. E por último, salientar a violencia contra as mulleres racializadas e trans que están a sofrir unha dobre discriminación.

Este 2021 xa levamos máis de 70 vítimas de violencia machista, e casi 1.200 dende que hai rexistros. As cifras teñen nome propio, nome de muller. O machismo como lacra, e o asasinato como a punta do iceberg, son só a manifestación definitiva desta gran problemática social, pero detrás destes nomes ocúltanse milleiros que aínda non saíron á luz, que sofren ou sufriron a violencia machista e aínda non puideron manifestalo.

Este ano, está a ser moi duro pola cantidade de noticias que están a xurdir en canto á violencia sexual se refire. Está a haber un repunte no noso país, un aumento de máis dun 30% respecto do ano anterior.

Neste 2021, as denuncias ascenden a case 2000. Concretamente na nosa provincia, en Pontevedra, e segundo datos oficiais publicados fai uns días, estase a producir un aumento das agresións sexuais en menores en máis dun 23%. Estamos fartas de que a excusa sexa o ocio nocturno e o consumo de alcohol. O agresor cando agrede é plenamente consciente.

As vítimas son, en moitas ocasións, ninguneadas. Violacións como a de Igualada, onde unha menor de 16 anos foi brutalmente agredida, así como a nena de Torrrent, en Valencia, agredida con só 14 anos, a violación grupal de Sant Boi, en Málaga, a violación da manada de Pamplona... son algúns exemplos onde a sociedade, a Policía, a xustiza ou a sanidade non lle deron credibilidade á vítima, aínda que fora por un momento non a creron. Elas, as vítimas, son responsabilizadas a nivel social.

O cuestionamento do seu relato fai que sexan revictimizadas. Mentres tanto, non se nomea o suficiente aos agresores, queremos os seus nomes, que o foco estea neles como responsables que son.

Non podemos permitir que a falta de formación en igualdade sexa a excusa para que teñamos que escoitar como en numerosos xuízos do país se fagan preguntas ferintes tales como: estás segura de que cerraches as pernas? de que non provocaches aos acusados? de que non deches o teu consentimento polo teu estado de embriaguez? de que non foi consentido? Todas estas preguntas fan que a vítima sexa posta en cuestión e agredida por quen supostamente ten que protexela.

Accións como a posta en liberdade dos violadores ou presuntos agresores sen ningún tipo de medida cautelar para así protexer á vítima, fan que a mensaxe sexa clara para aqueles que nos teñen pensado agredir. A responsable de que as agresións aumentaran non é outra que a xustiza patriarcal que impera nas nosas cortes. Con penas de cárcere irrisorias de como máximo 15 anos e con permisos penitenciarios, o perigo está nas rúas, xa que case nunca se cumpren as condenas na súa totalidade.

Son numerosas as mulleres que manifestan públicamente como ao ir poñer unha denuncia foron cuestionadas polos propios axentes, e mesmo se sentiron agredidas polo trato recibido. Como pode o estado animar a denunciar as agresións sexuais se cando o facemos volvémonos atopar nunha encrucillada de violencias?

Estamos fartas de escoitar "muller, non pidas o biombo no xuízo, tes que ser valente", de que nos chamen continuamente preguntándonos se sabemos onde vive ou traballa o noso agresor. Que os chamen a eles, que os cuestionen a eles. Eles son os agresores.

Non podemos consentir que cando unha rapaza, muller ou menor acude a un hospital público para que a revisen despois dunha agresión sexual, ou mesmo cando manifesta ser drogada e ter dúbidas de ser vítima dunha agresión, esta sexa cuestionada polo propio persoal sanitario.

Isto é gravísimo, é intolerable. Tampouco podemos entender que un Estado que debe protexer ás vítimas, que debe de velar pola súa seguridade, permita que circulen en Internet e nas redes sociais información sobre vítimas de agresións e abusos sexuais, tal como foi o caso da vítima da Manada, das vítimas da festa da Maruxaina na Mariña, ou a semana pasada, da vítima dunha violación en Valladolid.

Sabemos que a base para evitar que as agresións sigan aumentando é a educación, pero tamén que é responsabilidade do sistema xudicial aplicar sentenzas firmes e que castiguen a quenes teñen que castigar: aos agresores.

Demandamos formación obrigatoria en xénero aos profesionais que estean en contacto directo con vítimas de violencias machistas e, o máis importante, que estes casos unicamente poidan ser xulgados por persoas con formación especializada en xénero.

Estas son as nosas demandas, esta é a nosa loita, e seguiremos en pé de guerra por elas, por TODAS NÓS.

Asinado:

Colectivo Feminista de Pontevedra

Pontevedra,25 de novembro de 2021

Manifesto 25-N na cidade de Pontevedra
Comentarios