Manuel Moldes morreu: Que viva Manuel Moldes!

Centos de persoas ateigan o Teatro Principal nunha sentida homenaxe ao pintor pontevedrés falecido o domingo ►Ángel Santos estrea na cidade a súa curta ‘M.’ e Guillermo Aymerich aproveita para reivindicar a creación dunha fundación

Ramón Rozas durante a súa intervención no acto de despedida a Moldes. RAFA FARIÑA
photo_camera Ramón Rozas durante a súa intervención no acto de despedida a Moldes. RAFA FARIÑA

Xocas Meijide, no acto de despedida a Manuel Moldes. RAFA FARIÑA«Nunca lle gustou a Manolo ir só a ningún sitio». Onte estivo moi acompañado. Dende a mañá, Pontevedra estivo con Manuel Moldes. Primeiro, os seus alumnos da facultade de Belas Artes, cumprindo o seu desexo, pintaron unha tea para que fose enterrado con ela. Despois, centos de persoas arrouparon á familia no cemiterio de San Amaro, onde foi enterrado. E á tarde, máis ca nunca, estivo acompañado no Teatro Principal. Alí Pontevedra rendíalle homenaxe pública a un dos creadores máis importantes da súa historia: o pintor Manuel Moldes, falecido o pasado domingo aos 68 anos. 

XOCAS MEIJIDE. As pezas do compositor brasileiro Francisco Mignone ‘Misterio’ e ‘Valsa Choro’ foron as elixidas polo clarinetista Xocas Meijide, que xa actuara no cemiterio durante o enterro, para abrir e pechar un acto que ateigou o patio de butacas do Principal e deixou a ducias de persoas de pé. Creadores, estudantes, políticos, amigos e familiares lembraron a figura dun dos creadores máis importantes da arte contemporánea galega nunha homenaxe que serviu, entre outras cousas, para que o cineasta Ángel Santos estreara en Pontevedra a súa curtametraxe ‘M.’, un retrato íntimo do artista traballando, filmado en 16 milímetros e realizado con motivo da exposición ‘Pontevera Suite’ do Museo. A peza, estreada no Festival Internacional de Cine de Ourense, permanecía inédita na cidade ata onte, cando se proxectou para comezar o acto do Principal. 

Tralo pase da película tiveron lugar catro intervencións. A primeira, do poeta Manolo Romón, que leu un texto no nome de Mariano Hossorno. Despois subiron ao escenario alumnos e ex-alumnos de Moldes na facultade de Belas Artes. Seguiulles o crítico Ramón Rozas, que leu o artigo que publicou onte en Diario de Pontevedra, ‘Apagouse a luz’. E rematou o pintor Guillermo Aymerich, que non dubidou en rematar cun berro cinematográfico, segundo dixo. «Manuel Moldes ha muerto. ¡Que viva Manuel Moldes!». 

Aymerich: «Te dije muchas veces que eras el pintor más heavy metal que conozco. El más duro. Un mago de la forma y de la luz, un alquimista de la materia»


Aymerich, que comezou dicindo que se negaba a falar en pasado do seu amigo e que prefiría manter un diálogo en presente con el, tal e como fixo, aproveitou o acto para reivindicar a creación dunha fundación para o artista. «No es que te la merezcas, es que ganamos todos si se crea», dixo pouco antes de sacar unha ‘petaquiña’ con whisky para brindar polo seu amigo. «Te dije muchas veces que eras el pintor más heavy metal que conozco. El más duro. Un mago de la forma y de la luz, un alquimista de la materia».

«Estou seguro de que Manolo pintaba por unha simple razón, a de que nós non nos sentísemos sós mentres el estivese aí para acompañarnos. E segue aí. Aquí. Sei que segue pintando e acompañándonos. Non sabe facer outra cousa. Grazas por iso, Manuel. Grazas por vivir»

MARIANO HOSSORNO. O poeta Manolo Romón foi o primeiro amigo de Moldes en subir ao escenario do Teatro Principal. Fíxoo para ler un texto no nome doutro amigo do artista que non podía estar onte en Pontevedra, Mariano Hossorno. «Nunca lle gustou a Manolo ir só a ningún sitio», comezaba. «Supoño que cando se encerraba a pintar, poñía a radio e deseguido esbozaba a figura de alguén que lle facía compañía mentres pintaba ás escondidas. É a sorte dos artistas: dar vida». A través de Romón, Hossorno lembrou o talento do pintor pontevedrés. «Estou seguro de que Manolo pintaba por unha simple razón, a de que nós non nos sentísemos sós mentres el estivese aí para acompañarnos. E segue aí. Aquí. Sei que segue pintando e acompañándonos. Non sabe facer outra cousa. Grazas por iso, Manuel. Grazas por vivir». 

Tras Romón subiu ao escenario unha representación de alumnos de Belas Artes, estudantes aos que Moldes lles dera clase. «Grazas polo que nos deches e polo que nos deixas», dixeron emocionados. Ramón Rozas rendeulle homenaxe ao artista lembrando un vencello persoal con el e recordando, entre outras cousas, a súa pegada como veciño de Pontevedra.  «A luz era o meu vencello con Manuel Moldes, pero máis alá do propio lenzo», leu Rozas. «A luz que se albiscaba pola fiestra do seu estudo era o meu acougo cando saía do traballo e ía ao meu fogar. Aguela luz acesa, cando as páxinas do xornal se ían rematando, era unha sorte de contrasinal. Moldes estaba no seu refuxio xunto ás súas figuras, imaxinando novos territorios, loitando contra si mesmo e contra o misterio que supoñía para el o feito de pintar, o feiro de crear».

Para o crítico de arte, Manuel Moldes era por enriba de todo un pintor. «Manuel Moldes miraba a vida a través dos pinceis. Con eles berraba, con eles analizaba a realidade, a de cada un dos tempos que lle tocou vivir, que non foron poucos», sinalou. «Tempos de muda, de compromiso, de loita para continuar aínda hoxe berrando. Porque Manuel Moldes berraba e os seu berros eran esas pinceladas que foron participando da mellor pintura que se podía facer dende Galicia cara o mundo».