Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Manuel Pérez Taboada, de Xeve a preso nun campo de concentración nazi

Manuel Pérez Taboada. CEDIDA
Manuel Pérez Taboada. CEDIDA

Atopan á familia do home que estivo nun campo de concentración, á que Alemaña lle quere devolver dous aneis requisados polas SS ▶Taboada ten dúas irmás que aínda viven e varias sobriñas en Xeve; ademais, sobreviviu ao horror nazi e formou unha familia en Francia

O 20 de novembro de 1975, Manuel Pérez Taboada estaba de festa. Morrera Franco e el por fin podía volver á súa terra, a Pontevedra, á aldea de Frieiro, en Xeve, de onde fuxira 40 anos antes para non poder volver máis. O destino quixo que esta volta non chegara a producirse. Faleceu en 1976 e a súa biografía é hoxe unha historia tan dura como difícil de recompoñer.

Quedan moitos interrogantes por resolver arredor de Taboada, pero pouco a pouco as incógnitas vanse despexando. Despois de que Diario de Pontevedra se fixese eco dunha lista na que aparecía o pontevedrés, a familia de Taboada púxose en contacto co Concello de Pontevedra. Na dita listaxe, o de Xeve aparece como un dos presos cuxos efectos personais conserva o Estado alemán e que lle foran requisados polas SS á súa entrada nun campo de concentración. A familia que lle queda a Taboada en Pontevedra non sabe dicir en que campo de concentración estivo preso, aínda que nos arquivos do ITS (International Tracing Service) a súa ficha indica que era o preso número 32.009 do campo de Neuengamme, preto de Hamburgo. Ata alí chegaron moitos presos franceses, así como españois que vivían en Francia.

Arrastrou as secuelas psicolóxicas daqueles anos durante toda a vida e non gustaba de falar do seu paso polo campo

É complexo seguir a pista de Manuel Pérez Taboada. As únicas irmás que ten vivas, Dolores e Carmen Pérez Taboada, tiñan tres e sete anos, respectivamente, cando el marchou. A primeira delas non o recorda e non o volveu ver dende que marchou en 1936, mentres que a segunda conviviu con el en París, durante os anos que estivo na emigración, mais o pasado doíalle demasiado a Manuel como para falar do que vivira naquel campo. As sobriñas saben que fuxiu «por política», que chegou a Francia, onde axudou a moitos españois xunto á súa muller, Luisa Merino, unha barcelonesa que coñeceu no exilio. "Después pensamos que alguien lo descubrió y por eso lo llevaron a un campo", conta unha das sobriñas. Iso aconteceu durante a ocupación nazi de Francia, cando moitos españois exiliados polo Franquismo foron levados a campos de concentración. Eran coñecidos polo exército de Hitler como rotspanier (roxos españois). 

Nos arquivos do ITS, Manuel Pérez aparece como propietario de dous aneis e de varios documentos que lle foron confiscados antes de entrar no campo polas SS. Agora, Alemaña quere devolverllos e por iso busca á súa familia. Quedan por despexar incógnitas como o motivo polo que acabou chegando a Neuengamme ou a súa filiación política, pero Taboada sobreviviu ao horror do xenocidio nazi. 

Estiveron a punto de fusilalo, chegou a ir no pelotón, pero salvouse a última hora porque os nazis precisaban un xastre

Cando foi liberado, volveu coa súa muller, Luisa, a París, onde tivo tres fillas e viviu toda a súa vida coas secuelas do Holocausto. Falaba pouco daqueles anos, pero unha vez a súa irmá Carmen escoitouno contar que estivera colocado de segundo nun pelotón de fusilamento e se salvou a última hora por dicir que era xastre. "Parece ser que necesitaban un sastre en el campo y por eso lo salvaron", conta agora a súa sobriña Loli imaxinando o martirio dun home que arrastrou toda a vida as secuelas psicolóxicas daqueles anos. Agora, as súas sobriñas de Pontevedra tratan de poñerse en contacto coas fillas, que aínda viven en París, para saber máis do pasado de Taboada.

En Pontevedra pouco se volveu saber daquel mozo que marchara con 19 anos escapando dos golpistas. Atrás deixou oito irmáns, a máis pequena sendo aínda un bebé. Tras a súa fuxida acompañado doutro veciño de Xeve, os falanxistas detiveron a seu pai e a un dos seus irmáns para tratar de localizalo, pero non o conseguiron e tiveron que soltalos sen resultado. Antes de chegar a Francia pasou por Asturias e, pouco despois de deixar a casa, soubo do falecemento da súa nai a causa da tuberculose. O pai de Taboada faleceu despois, nos anos 60, e daquel mozo que traballaba nunha xastrería de Andrés Muruais, o tío Manuel emigrado en Francia, pouco se volveu falar. Na casa de Frieiro na que nacera quedou a memoria vaga dun tempo que fora tan doloroso que o mellor era non recordalo.

Manuel Pérez Taboada, de Xeve a preso nun campo de concentración nazi
Comentarios