Manuel Reigosa Roger: "Precisamos captar talento con urxencia"

Despois dunha victoria "inesperada", Pachi Reigosa afronta un mandato de catro anos á fronte da Universidade á que pertence o campus de Pontevedra. Faino cun "voto prestado", porque " non cumprimos co cambio estaremos en fóra de xogo". Entre os seus proxectos figuran o incremento de profesorado e a implantación de novas titulacións

Toma de posesión de Manuel Reigosa Roger como reitor da UVigo. RAFA FARIÑA
photo_camera Toma de posesión de Manuel Reigosa Roger como reitor da UVigo. RAFA FARIÑA

MANUEL JOAQUÍN Reigosa Roger, catedrático de Fisioloxía Vexetal a quen todo o mundo coñece como Pachi, exerce desde hai case un mes como reitor da Universidade de Vigo grazas a «un voto prestado» tras unha victoria, admite, inesperada. "Se somos quen de cambiar a Universidade teremos cumprido e, se non, estaremos fóra de xogo", manifestou nun café de redacción celebrado o pasado luns en Diario de Pontevedra. Foi esta unha semana marcada por novidades relativas ao campus local, como o anuncio dos usos que a UVigo fará das catro plantas cedidas pola Xunta no edifi cio administrativo de Benito Corbal, que estará operativo en 2019. Reigosa estivo acompañado do vicerreitor do campus, Jorge Soto, a quen calificou de "extraordinariamente reivindicativo", e afirmou que "queremos construír cousas novas sen destruír nada do que estaba en marcha".

Cales son as súas impresións tras estas semanas no cargo?
Hai atrancos obvios, sobre todo os que teñen que ver co teito da masa salarial, pero espero que neste momento no que a situación económica e política do país é distinta, haxa facilidades para a contratación de persoal. A Universidade fixo un axuste pola crise que unicamente recaeu nas costas das persoas, limitando as contratacións e facendo que a xente traballara máis no seu posto.

Teñen cuantificada a necesidade de máis persoal?
Estamos finalizando o estudo. En todo caso, falamos de dous ou tres millons de euros para o máis urxente, que non é unha cantidade esaxerada pensando que o orzamento da Universidade é de 172,5 millóns. Si significa mudar o rumbo. É dicir, non investir tanto en novos edificios e noutras iniciativas caras que restan a captación de persoal. Dependendo da figura, o máis urxente sería incorporar a 30 ou 40 profesores novos nos tres campus. Creo que a situación económica da UVigo é bastante boa.

"O máis urxente sería incorporar a 30 ou 40 profesores novos nos tres campus. A situación económica da UVigo é boa"

Ten criticado unha frase do seu antecesor, que se gababa de "facer máis con menos".
Non se pode facer máis con menos. Se non tes persoas é difi cil. Nas clasifi cacións internacionais estamos máis abaixo que hai catro anos e cada vez afundímonos un pouquiño máis. Podemos presumir de Universidade porque estamos entre as 700 mellores do mundo, pero no seu día estivemos entre as 500 primeiras. Entre as novas empezamos no posto 76 no 2013 e desde aquela fomos caendo entre o 150 e o 200. Non fai falta moito para volver ás posicións de privilexio pero hai que poñer máis medios e iso significa máis persoal. Precisamos captar talento con urxencia,xente nova.

Fala de priorizar as persoas fronte aos edifi cios, pero non descarta o das Artes. Non é unha contradición ou fala a longo prazo?
En Pontevedra temos as catro plantas dun edificio no centro ao que seguro que lle imos sacar moito partido. Isto significa que se abren posibilidades novas e capacidade de facer cousas distintas. Eu falo de prioridades. Para min é máis prioritario conseguir eses 30 ou 40 docentes adicionais e recuperar outras figuras de formación do profesorado que facer edificios novos. Pero está claro que se plantexamos o mapa de titulacións sabemos que vai ser preciso un novo edifi cio no campus de Pontevedra nun futuro, se hai unha titulación que vai ter o éxito que esperamos. No caso de Belas Artes estamos de prestado no centro, moi agradecidos. No seu día houbo un proxecto, para min faraónico, pero non se pode pensar nun edificio tan caro. O ideal sería que todas as titulacións estiveran no campus, pero sería a longo prazo. Agora nin hai proxecto, pero como queremos planificar a Universidade de 2040 temos en mente conseguir un edificio novo no campus para Belas Artes e outro para unha nova titulación. 

"Co horizonte de 20140 temos en mente conseguir un edificio no campus para Belas Artes e outro para a nova titulación"

Como afronta a UVigo o novo mapa de titulacións?
O mapa estará aberto en 2021. Agora mesmo temos unha titulación nova, Deseño e Creación, que se poderá implantar o vindeiro ano. Pero as novas empezaranse a debater en 2019 e espero que sexamos quen de atraer unha titulación moi atractiva e complementaria coas que hai. Paréceme unha boa idea a especialización dos campus, que ademais permite que investigadores e docentes poidan traballar xuntos. Dentro do Campus Crea buscaremos un novo grao, relacionado coa creatividade, independentemente de que haxa un cambio nos mestrados. Queremos utilizar isto como sinal de identidade que nos permita atraer novas titulacións de futuro para Pontevedra e a UVigo.

Que outras ideas teñen ademais das novas incorporacións?
Pódense artellar graos conxuntos tamén queremos facer unha aposta grande pola escola de posgrao e a formación continua. Que non só haxa graos e mestrados, fundamentais porque son os títulos habilitantes para a profesión, senón que tamén queremos dar a oportunidade de que a xente se achegue á Universidade sen ter formación universitaria previa ou sendo egresados, para renovarse pensando en novas profesións.

"Queremos darlle á xente a oportunidade de achegarse a Universidade para renoverse pensando en novas profesións"

Afirma que o campus, a pesar das súas virtudes, é o gran descoñecido para boa parte da cidadanía, pero tamén presenta problemas de comunicación para o estudantado de fóra. Que solucións propón?
Para potenciar o campus imos participar en actividades culturais e mobilizar a acción social e o voluntariado, implicándonos na sociedade. Temos a Casa das Campás e pronto o edificio adicional e imos utilizalo para ter máis presenza na sociedade, pero tamén queremos atraer sociedade ao campus para actividades atractivas. En canto á comunicación, imos pedir que haxa unha parada de bus no campus que permita prolongar algunha liña, pero temos que facer un estudo previo e traballaremos co transporte ao campus desde outras localidades. Non vexo posible revitalizar o andén. Unha conexión desde a estación de bus e tren estaría ben.

Na súa toma de posesión aludiu ao desexo de internacionalizar a UVigo, pero que capacidade real de atracción ten para o estudantado estranxeiro?
Parécenos moi importante a captación de alumnado porque os datos de futuro que manexamos din que a caída da natalidade fará que en breve teñamos moitos menos alumnos procedentes de Galicia no SUG. A propia Xunta é consciente desta realidade e vai axudar desde o plano de internacionalización e de excelencia para que as universidades nos deamos a coñecer en Iberoamérica. Pensamos que é o noso mercado natural. Temos que sacar partido do galego e o castelán. Para un estudante iberoamericano somos unha universidade ben posicionada. Se volvemos a aparecer entre as 500 primeiras, mellor, pero somos unha universidade europea, que investiga, que ten profesionais de prestixio e as clases pódense impartir en galego ou castelán, co cal teñen moita máis facilidade. O que si é certo é que para atraelo hai aque apostar pola virtualización de titulacións, xa sexa de xeito semipresencial ou totalmente a distancia. Un percorrido que, por certo, xa levaron a cabo as mellores universidades do mundo. O MIT empezou a ofrecer cursos abertos, masivos e gratuítos e logo implantou un sistema de avaliación. Hai moita xente que se gradúa no MIT sen pisalo.

"A capacitación do alumnado foráneo é moi importante porque a caída da natalidade fará que teñamos menos galego"

Neste sentido xa hai precedentes no campus de Pontevedra.
Si. A nosa titulación estrela está aquí. Hai un máster de Dirección e Xestión Pública que se imparte deste xeito e atrae a estudantes de toda Iberoamérica. O que esperamos é poder exportar este modelo a máis titulacións. Inicialmente apostamos polo mestrado, pero esperamos que algún grao tamén se poida implantar deste xeito semipresencial. Temos as capacidades técnicas para facelo.

E que ocorre coa captación do alumnado galego?
Temos bos indicadores. Os nosos estudantes, en xeral, están convencidos de que paga a pena estudar na UVigo, pero quero facer un traballo co profesorado non universitario de innovación educativa que permitan mellorar os resultados nos informes PISA e para que nos coñeza e poida encamiñar os alumnos cara a nosa universidade. Tamén hai que facer un traballo de marketing. Temos puntos fortes moi importantes, como que é unha universidade próxima e bos datos de emprego.

Aposta pola investigación?
Cando un quere subir nas clasificacións ten que investir en investigación. Neste sentido a UVigo sempre o fixo ben. Os incentivos para o profesorado para que investigue son axeitados, pero iso non é nada en comparación co esforzo que ten que facer o Estado. Adoito dicir que durante os tempos precrise chegamos a ter un investimento semellante ao dos países do noso potencial económico. Na cri se, igual que os traballadores pagaron o pato, a I+D desde logo non foi moi apoiada. Creo que a clase política non pensa que sexa unha cuestión de Estado, pero agardo que no futuro todos os partidos se conciencien da súa importancia.

"Hay que apostar pola virtualización das titulacións, xa sexa de xeito semipresencial ou totalmente a distancia"

Esta falta de apoio tamén repercutiu na fuga de cerebros. Efectivamente.
A única satisfacción que nos queda é pobre, porque non fai riqueza en Galicia, pero os nosos egresados cando van fóra triunfan, están ben formados. Quedan moi ben en Estados Unidos, Xapón, Alemania... Saben que teñen boa formación. O ideal é que puideran traballar en Galicia e crear valor engadido nas empresas de aquí.

Cre que esta situación poderá revertirse grazas a que Ciencia e Universidade ten ministerio propio?
Paréceme importante que haxa un ministerio para investigación, pero o noso compoñente fundamental é o formativo. Hai que esperar a ver o organigrama e as propostas de gobernanza. En todo caso son optimista de cara a nova etapa, primeiro pola recuperación económica que permitirá aos gobernos investir máis en I+D e en educación. Estaremos vixilantes.

Falaba de atraer a cidadanía ao campus. En que punto está a implicación da UVigo coa sociedade?
Temos unha materia pendente, a transferencia. Ás veces nin sequera nós sabemos o que estamos a facer, así que menos somos capaces de transmitilo. Imos facer o esforzo para que a xente saiba o que estamos a facer en despachos e laboratorios.

E a relación coas empresas?
A UVigo sempre traballou ben coas empresas, desde a súa creación. Falta moito por facer, pero estamos en todos os foros necesarios para facilitar que os nosos investigadores e profesores traballen coas empresas. A creación do novo septenio tecnolóxico, un incentivo, vai facer que os docentes estean máis interesados en traballar coas elas. Parécenos importantísimo, porque é un pouco ilóxico que a sociedade non saque vantaxe do que sae dos nosos laboratorios, senón que o fagan sociedades máis avanzadas. Cando exportamos talento quen saca a vantaxe da formación son outros países. Cando un analiza o esquema do funcionamento da I+D en España a peor pata é a das empresas, xa que o investimento que fan está moi lonxe dos países da contorna. Podemos axudar colaborando co elas, pero teñen que cambiar o chip. O investimento en I+D produce beneficios a medio e longo prazo. A Xunta tamén está dando liñas de investimento e nós somos bos socios.

Hai algún espello en España no que se miren neste aspecto?
Euskadi ten un investimento moi forte en centros tecnolóxicos e está fichando xente de primeiro nivel, pero o sistema catalán empezou antes e está mais fortalecido. Durante a crise no Parlamento catalán fíxose unha análise do Icrea —un programa de captación e retención do mellor talento— e non recortaron nin un euro. É un programa tan exitoso que se paga a si mesmo, con proxectos europeos de moitos cartos. Nós aquí temos o programa Oportunius, que se está a empezar a desenvolver e teño esperanza de que poidamos captar talento de primeiro nivel.

E para poñer en marcha iniciativas como esta fai falla orzamento.
Fai. Que exista un plano de financiamento é fantástico. Que as universidades non teñan que estar esperando cada ano a ver canto toca permite facer unha programación. É moi difícil, porque hai moitas cousas pero gustaríame que se premie máis o éxito naqueles indicadores de calidade, sempre e cando se aseguren os requisitos básicos. Se un analiza as universidades que están arriba, teñen orzamentos superiores aos 200 millóns, pero nós non estamos lonxe desa cifra.

Cales deberían ser, logo, as liñas básicas do modelo de financiamento que propón?
Traballaría nesas dúas liñas: incrementar os fondos dispoñibles para necesidades básicas, tendo en conta o número de alumnos, profesores e PAS; e aumentaría a porcentaxe do total ligada a índices de calidade. Penso que é un concepto asumible por todos.

A UVigo ten actualmente uns 20.000 estudantes. Ve factible aumentar esta cifra nun futuro?
Chegamos a ter 27.000 e temos capacidade de abondo para darlles servizo. Aspiro a que sexa a primeira de Galicia en número de estudantes. Sei que é difícil, pero debemos facer o esforzo. Iso pasa polo mapa de titulacións. A posta en marcha de Deseño e Creación suporá a redución de prazas en Belas Artes, así que non incrementaremos a cifra. Eu espero que poidamos negociar o incremento no número de estudantes. Chamaranme iluso, pero hai que fixarse obxectivos.

"Penso que a colaboración é mellor que a competencia"

Tres universidades e sete campus competindo por titulacións. É un exemplo do minifundismo galego?
Crear tres universidades foi unha boa nova. Rachouse a situación de campus primarios e periféricos e permitiu que as titulacións se implantaran por completo e tamén facilitou que o cidadán puidera elixir entre titulacións de máximo nivel en distintas cidades. É máis caro? Se o din polo gasto do equipo reitoral non é nada respecto ao custe estrutural das titulacións. Claro que era máis doado coa centralización, pero isto corríxese cun cambio de mentalidade: a colaboración é mellor que a competencia. De feito, este ano vaise implantar o primeiro grao conxunto entre dúas universidades —USC e UDC—. Tamén importante a planificación. Non ten sentido poñer titulacións en funcións de localismos. Hai que ir cara a especialización dos campus. É bo que as universidades nos miremos de esguello, porque copiamos boas prácticas e todos somos mellores, pero falta planificación. Neste sentido está facéndoa a Xunta. Seguramente haberá que especializar titulacións repetidas e cambiar algunha, pero estou moi satisfeito coa estrutura dos tres campus e quero facer unha aposta pola súa descentralización.

Comentarios