Manuel Reigosa: "O campus de Pontevedra ten moita capacidade de crecemento"

Este luns pecha unha campaña atípica pola ausencia de rival, pero co reto de mobilizar á comunidade universitaria para que vaia ás urnas e vote si. Da súa reelección, subliña, depende evitar o atraso nas negociacións dos novos plans de titulacións e infraestruturas -incluido o novo edificio para Deseño e DXP- e da incorporación de Enfermería como propia
Ciencias Sociais entrevista co Manuel Reigosa. DAVID FREIREa revalidar o cargo de reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa  (3G8A5281.JPG)
photo_camera Manuel Reigosa ante a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. DAVID FREIRE

CATEDRÁTICO de Fisioloxía Vexetal, Manuel Reigosa Roger (Vigo, 1958), segue preferindo que lle chamen Pachi, ao igual que en 2018, cando accedeu á Reitoría da Universidade de Vigo tras gañar as eleccións. Catro anos despois é o único candidato á reelección nos comicios do vindeiro mércores 4 á fronte do equipo H2040 (A Universidade das persoas), pero non está todo feito, pois precisa recibir máis sufraxios positivos que negativos. Concedeu esta entrevista o pasado xoves, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, nun oco da apretada axenda da súa campaña no campus de Pontevedra.

Ciencias Sociais entrevista co candidato a revalidar o cargo de reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa  (3G8A5290.JPG)
O reitor da UVigo e candidato á reelección. D. FREIRE

Leva nove días de campaña. Está resultando atípica pola ausencia de rivais? Que balance fai?

Efectivamente é moi atípica e ademais é difícil mobilizar á xente porque non hai forma de contrastar. Hai que elixir entre si ou non. Non entre distintas ideas ou formas de gobernar. Pero estou encantado, recibindo moita enerxía de toda a comunidade universitaria. Hai unha participación moi activa nos actos de campaña e obviamente estou canso pero ilusionado. Teño a sensación de que hai bastante tranquilidade porque pensan que o que fi xemos durante este mandato era o que prometiamos na campaña anterior e o que propoñemos agora é unha continuidade do traballo feito. Vennos como persoas fiables e polo tanto son máis preguntas de detalle. A dificultade é mobilizar a xente para que vaia votar e que así teñamos o apoio que precisamos para levar adiante novas negociacións coas outras universidades, coa Xunta e con outras institucións en xeral.

Pouco antes do inicio da campaña fixera un chamamento a que se presentaran máis candidaturas para visibilizar esa suposta oposición ao seu traballo.

Eu tiña certa esperanza de que se presentara alguén, porque unha campaña cun único candidato é unha campaña pobre. Non se poden contrastar opinións, propoñer cousas diferentes... Eu esperaba ata o último día.

"Estamos negociando coa Xunta un cupo adicional de estudantado estranxeiro nalgunhas titulacións, de xeito online"

No hipotético caso de que gañara o non, quedaría en funcións? Convocaríanse novas eleccións?

Os nosos estatutos marcan que ao non haber reitor electo quen quede na Reitoría só pode facer cousas moi de trámite. Habería tres meses para convocar novas eleccións e facendo as contas serían en outubro ou novembro. É dicir, estariamos sen reitor ata final de ano.

Non semella moi positivo para a Universidade.

Institucionalmente non. Por iso estou pedindo o apoio non só polo que significa o noso programa e a nosa candidatura, da que estou moi orgulloso, ao igual do traballo que fi xeron as persoas que non continúan. Creo que para a institución sería moi negativo estar sen reitor electo.

No seu novo equipo hai maioría feminina. É un dato que deberiamos destacar ou está normalizado?

 Penso que si. A anterior candidatura era paritaria pero cando se ocuparon os cargos de segundo nivel acabou habendo maioría de homes e é algo contra o que aínda temos que loitar. Neste caso vese con normalidade que o equipo teña máis mulleres que homes. Eu estou moi orgulloso de todas as persoas que aceptaron formar parte del e non están por ser mulleres, senón pola súa valía. Eu conto tamén que algún día algunha universidade galega, oxalá a nosa sexa a primeira, teña unha reitora. Aínda quedan bastantes fronteiras.

Entre as novas incorporacións figura a decana de Fisioterapia, Eva Lantarón, como futura vicerreitora do campus de Pontevedra...

...Se gañamos.

Se gañan. Por que lle propuxo a ela este reto?

Gústame moitísimo contar con xente con experiencia. E pasar por un decanato implica coñecer a universidade a fondo e, por suposto, o teu campus e as titulacións que hai no teu centro. Ademais creo que Eva é unha persoa como moita enerxía e moita capacidade de traballo, alguén que podía cubrir moi ben este cargo. Estou moi satisfeito que me dixera que si.

"Hai titulacións novas que encaixarían perfectamente en Pontevedra, buscando sinerxías coas existentes"

O cambio na Vicerreitoría debeuse a algo concreto, se Jorge Soto quixo deixar o cargo ou preferiu relevalo por algunha razón...?

Que va, que va. Eu estou enormemente agradecido cara os dous vicerreitores que deixaron o equipo [Soto en Pontevedra e María Esther de Blas no campus de Ourense], e pensamos seguir co seu labor, que foi moi importante. Jorge fíxoo moi ben e é un compañeiro moi querido. Quizais a sorpresa sería ao revés. Normalmente cando se presenta un equipo por segunda vez é habitual que haxa cambios. Normalmente un está canso, hai cuestións novas ou queren afrontar novos retos. Estou enormemente agradecido aos dous.

Foron, ademais, catro anos bastante atípicos, coa pandemia.

Si, eu na campaña intento non falar moito da pandemia. Houbo que facer un esforzo enorme por parte de toda a comunidade universitaria e neste momento podemos presumir de que a UVigo no seu conxunto fixo moi ben os deberes a niveis de docencia, investigación e transferencia. E tamén podemos presumir das medidas que se tomaron. A UVigo fíxoo mellor que a maior parte das universidades do Estado. Foron as máis acaídas e tivemos moi éxito. Non sendo a situación ideal, porque utilizar plataformas informáticas e dar clases en liña no período de confi namento non era o mellor, saímos con boa nota da pandemia. É obvio que na Reitoría tivemos un traballo excepcional a maiores, pero non debe ser unha desculpa e por iso procuro non falar moito diso.

Dixo que a primeira urxencia da UVigo é o cambio xeracional. De feito, segundo datos do Ministerio de Universidades, é a décima de España máis envellecida [a USC é a primeira]. Como se vai artellar este relevo?

É urxente pero creo que temos tempo suficiente para programalo ben. Levamos dúas medidas estrela: unha é a captación de alomenos 120 novas prazas de axudante doutor, que se convocarán e a outra o adiantamento de saída de prazas. Temos áreas nas que unha gran parte do profesorado está a piques de xubilarse. A idade media de xubilación está por riba dos 64 anos pero poden continuar ata os 70. Así que en vez de esperar a que esas persoas se xubilen, contrataremos xente para esas áreas ou departamentos para que durante un tempo coincidan e a xente nova aproveite a experiencia dos maiores. Se conseguimos gañar as eleccións, espero que poidamos máis aínda que 120.

O Campus Crea é un acerto, pero tamén hai que aproveitar a outra parte [ciencias da saúde] para seguir medrando

Teñen datos de cantos docentes superan os 60 anos?

A maior parte do profesorado está entre os 55 e os 60, o que quere dicir que maiormente se a media é aos 64, nos vindeiros cinco anos teremos un número importante de xubilacións.

Os tres bloques principais do programa céntranse na igualdade, na lingua galega e na internacionalización. Que se conseguiu nestes catro anos e que falta?

En igualdade estou enormemente satisfeito porque fixemos moitas accións positivas: de visibilización, como renomear edificios co nome de mulleres que empezaban a estar esquecidas ou non eran moi coñecidas e agora son unha enseña, como Exeria, que dá nome á Reitoría. Fixemos estudos de fenda salarial e do que detectamos vén unha das medidas estrela do programa. Puxemos produtos de hixiene feminina en todos os centros da UVigo, creamos a Cátedra de Feminismo 4.0 con financiamento da Deputación de Pontevedra, estamos aproveitando os fondos do Pacto de Estado, temos un novo Plan de Igualdade... Demos un paso importante para que a Universidade sexa igualitaria.

Cal é esa medida estrela?

Dos estudos feitos detectamos unha fenda de coidados. Esta medida é unha axuda para que cando as mulleres se reincorporan ao seu posto de traballo despois de ser nais teñan docencia cero durante un ano e docencia ao 50% durante o seguinte. Isto vai permitir que poidan recuperar a senda despois desa perda de produción científica durante os meses que están coidando as crianzas. Ata o momento de dar luz a produción científi ca de homes e mulleres é equivalente, pero a partir de aí... É un plan piloto. Se gañamos esperamos poñelo en marcha nun par de meses e avaliar o resultado ao final dos catro anos.

"Estou enormemente agradecido aos dous vicerreitores que deixaron o equipo; Jorge fíxoo moi ben e é un compañeiro moi querido"

En canto á internacionalización falábase hai catro anos de atraer docentes e estudiantes do ámbito lusófono.

Si, en principio temos unha negociación aberta coa Xunta para que nos poidan permitir, sobre todo nalgunhas titulacións, poder atraer un cupo adicional de estudantes estranxeiros, especialmente da lusofonía e toda Iberoamérica. Algo se fixo. En Dirección e Xestión Pública temos un grao e un mestrado en liña e teñen bastante alumnado foráneo. Queremos que sexa un plan piloto. No caso do profesorado neste mandato trouxemos investigadores de alto nivel, con proxectos do European Research Council... A ‘crème da crème’. Temos un investigador chinés, outro italiano... Tamén digo que traelos de fóra de Europa e moi complicado. Espero que a nova lei da ciencia nos permita facelo de xeito máis sinxelo. Apostamos por esa atracción de talento internacional.

Esa nova lei é tamén a que vai solucionar o problema dos contratos de investigación, ao desaparecer os de obra coa reforma laboral?

Si, foi un cambio que a medio prazo é moi bo, porque hai máis recoñecemento aos dereitos dos traballadores que entran na investigación. Todos os contratos dese tipo que teñen fondos europeos, pre e postdoutorais xa están arranxados e quédanos aínda unha pequena parte que esperamos arranxar en 15 días. Pensamos crear unha unidade administrativa para que todos estes contratos se poidan facer do xeito máis rápido posible.

A cantos contratos afectaría esta mellora?

Temos uns 300 ou 400 ao ano. Moitos deles pasarán a ser indefinidos.

Que importancia ten para a UVigo o campus de Pontevedra?

Moitísima. En primeiro lugar é o segundo campus de Galicia en captación de alumnado, o primeiro talento que temos que captar. É un campus moi fermoso e vencellado á cidade que ten moito futuro. Estamos coa implantación do Grao en Deseño, unha peza clave que encaixa moi ben con distintas titulacións que xa existen. É un campus con moita capacidade de medrar. Vese nos datos destes últimos anos, cando a maior parte dos campus de Galicia teñen difi cultades para captar alumnado. Sexa polo atractivo das titulacións ou da propia cidade, vai ter moito éxito no futuro.

Son vantaxes respecto a circunstancias que non se poden corrixir, como a curva da natalidade?

Efectivamente. Contamos con estudos demográficos. Durante dez anos teremos unha situación bastante estable, estamos tirando desde ‘baby boom’ [da primeira década de 2000] Pero é certo que despois hai unha caída en picado da xente galega en disposición de vir á Universidade e queremos prepararnos. De aí a aposta como a de DXP para captar alumnado estranxeiro. É unha necesidade.

Un dos retos urxentes é a negociación do novo mapa de titulacións. Cales serían os plans neste sentido para Pontevedra?

Non é unha carta aberta. Non podemos poñer riba da mesa as titulacións que queiramos. Probablemente algún máster, pero é unha negociación aberta entre as tres universidades e a Xunta e non quero negociar estas cousas en público. Hai que facelo de xeito sosegado, entendendo que o que se busca é o ben do Sistema Universitario Galego. Poñeranse dez ou doce titulacións de grao que non existen en Galicia e buscarlles o campus axeitado. Non quero adiantar nada do que temos na cabeza, pero é obvio que levamos tempo estudiándoo e hai titulacións que encaixarían perfectamente en Pontevedra, buscando sas sinerxías coas xa existentes. Poderiamos incluso mellorar a oferta, que xa é atractiva.

Tamén se deberá negociar o novo plan de infraestruturas. Incluirase o futuro edificio en Tafisa para Deseño e Dirección e Xestión Pública?

Estamos moi agradecidos ao Concello porque as negociacións para contar con esa parcela nos van permitir programar a Universidade do futuro cunha ampliación imprescindible. A Facultade e a titulación de Deseño comenzarán en breve, pero no edifi cio de Benito Corbal, nunha situación que está ben para empezar pero non é a máis axeitada para o crecemento dunha titulación. Esperamos que se poida facer en Tafi sa, para acoller tamén DXP. Na negociación do plan de infraestruturas, plurianual, esta nova sede é unha das nosas prioridades absolutas. Só hai unha cousa máis urxente, a Escola de Aeronáutica de Ourense, da que xa saíron tres promocións e non ten edificio.

Que prazos se manexan?

A Xunta propón distribuir os fondos nos vindeiros cinco anos. Dependerá de se saímos elixidos. Nese caso adiantariamos a licitación, porque xa temos feito o traballo interno dos proxectos.

Será un edificio modular.

Si, porque a nosa idea é que a parcela non será só para estas necesidades actuais, senón que a idea é que as novas titulacións que poidan vir no futuro mapa precisarán tamén espazos. As ampliacións no campus da Xunqueira están moi limitadas, unicamente haberá algunha en Ciencias da Educación e Deporte e quizais en Fisioterapia. Pero non unha nova Facultade. A estrutura modular permitirá construir novos edifi cios segundo medre a oferta.

En Educación refírese ao ximnasio-laboratorio novo?

Non, ese proxecto está adxudicado e á espera dun permiso. É do mandato anterior. Agora estamos negociando unha ampliación porque están curtos de aulas e hai problemas estruturais que veñen de lonxe. Estamos vendo como darlle saída a esas necesidades para que a actividade docente e investigadora se celebre do mellor xeito posible.

E que non teñan que ir coas maletas de material a Forestais?

Efectivamente. Temporalmente é unha solución e poderán ter un espazo alí, pero o lóxico é ter esas aulas no propio edificio.

Como vai o equipamento dos andares do edificio de Benito Corbal e o seu equipamento? Estrearanse en setembro?

Si. Houbo un pequeno atranco por unha perda de auga, pero está programado que en setembro estean alí os grupos de investigación e o inicio das clases de Deseño. Os espazos de coworking tardarán un pouco máis.

Está confirmado entón que Deseño se implantará en setembro?

Non, ningunha das  titulacións pendentes están confirmadas. Son optimista, pero hai que facer uns cambios na documentación por unha mudanza nos procedementos do Ministerio. Todo iso está nunha web que aínda non está rematada. Pedimos que se nos permita seguir adiantando prazos con todas as titulacións á espera, para que, se é posible, empezar en setembro. Temos todo calculado: espazo, equipamento e profesorado.

Ata cando durará a espera?

En teoría deberiamos sabelo a finais de maio. Ou que nos permitan que figure o número de prazas, aínda que sexa con asterisco, poñendo que está pendente da avaliación correspondente.

Estará pendente o alumnado que prepara a ABAU.

Hai dúas titulacións polas que recibimos moitas chamadas de interese: Relacións Internacionais, en Ourense, e Deseño. Hai moita xente esperando. Van ter éxito.

Ademais do Campus Crea, tamén se falara de Pontevedra como o campus da saúde, con Enfermería, Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Mencionou un un dobre grao con estes dous últimos? É unha idea ou algo máis avanzado?

Boa parte do futuro do campus vén polo traballo destas dúas facultades. Ese dobre grao é un desexo e amplía moitísimo as posibilidades profesionais de quen o fai. Non é urxente, podemos esperar a que as dúas facultades estean encantadas. Pero si pensamos en máis neste mandato, tamén en Pontevedra. Educación Infantil e Primaria, por exemplo. Ou os que teñen que ver coa creatividade: Belas Artes e Publicidade, Deseño cando o teñamos... Decidiuse na especialización por estas titulacións, pero púidose decidir que o campus gravitase por outras titulacións. O Campus Crea é un acerto, pero tamén hai que aproveitar a outra parte para seguir medrando.

A adscrición á Universidade de Enfermería é unha vella demanda que segue paralizada. Que ten que pasar para que se leve a cabo?

Temos o interese de crear a Facultade de Enfermería, porque é mellor que sexa propia e porque nos permitirá ter un máster e un doutoramento que fortalecerá o campus. As negociacións son complexas. Temos un preacordo verbal e queremos que sexa unha realidade canto antes. O lóxico sería que o alumnado que entre no curso 2023-24 o faga na parte de Facultade e se vaia incorporando o novo alumnado. Pero tamén se poderían incorporar todos á vez.

Implicaría novas instalacións?

Gran parte da docencia impártese nos hospitais, pero gustaríanos centralizar en cada campus a docencia non hospitalaria. En todo caso a prioridade sería a incorporación á Universidade e a mellora do plan de estudos e do cadro de persoal para ser competitivos a nivel nacional e internacional.

Comentarios