O Mapa do Medo sobre o acoso nas rúas esténdese ao resto de España

A moza de Ponte Sampaio que comezou o proxecto, Jessyca Ocampo, conta coa colaboración de tres rapazas de Arcade que estudan en Madrid e Salamanca para expandir a iniciativa

Jessyca Ocampo xunto ao Mapa do Medo. DP
photo_camera Jessyca Ocampo xunto ao Mapa do Medo. DP

Con máis de 43.000 visitas e 160 historias de agresións físicas ou verbais, o Mapa do Medo vai camiño de ser un fenómeno nas redes sociais. A cartografía do medo das mulleres por mor dos ataques machistas creada por unha estudante pontevedresa chega agora ao resto de España.

Tal e como contou Diario de Pontevedra, Jessyca Ocampo, estudante de fotografía na escola Mestre Mateo, comezou a marcar nun mapa varias historias de agresións machistas nas rúas, xa fosen físicas ou verbais, para dar visibilidade ao sexismo que limita a liberdade de movemento das mulleres por mor do medo. A idea era reflectir situacións de acoso en Santiago de Compostela, pero o proxecto fóiselle das mans e pronto tivo que ampliar o mapa a toda Galicia. Pasou por medios de comunicación galegos e de ámbito estatal. Mesmo viaxou a Madrid para participar nun programa de Televisión Española.

COLABORACIÓNS. Agora, apenas un mes despois de comezar co proxecto, o Mapa do Medo crece por todo o territorio español. "Xa teño algunha historia de Andalucía e conto con colaboradoras en Salamanca e en Madrid", explicaba esta semana a moza de Pontesampaio.

As súas colaboradoras son María Tellería, que estuda en Salamanca aínda que é de Arcade, e Vanessa Portela e Eva Vidal, tamén estudantes de Arcade en Madrid. "Para Galicia non necesito xente que me axude a meter as historias no mapa, porque eu podo facelo soa, o que preciso é difusión", conta a moza. Por iso está a crear un grupo de traballo con mozas que se ofreceron voluntarias para colaborar co proxecto. A idea é crear mensaxes de Whatsapp para difundir, así como seguir promovendo o proxecto a través das redes sociais. "Eu chego á xente que teño preto, aos meus contactos, pero para poder ir máis alá preciso que o comparta xente doutros ámbitos e doutros puntos xeográficos", conta.

Do mesmo xeito, quere contar coa axuda de colaboradoras en puntos como Cataluña ou Euskadi. "Ao igual que o Mapa do Medo en Galicia está escrito en galego, gustaríame que tanto en Cataluña como en Euskadi se puidera facer en catalán e en éuscaro e para iso preciso xente que domine esas linguas e que queiran colaborar comigo", sinala.

O obxectivo agora é consolidar a cartografía e manter as visitas. "Os primeiros días chegaban moitas historias, agora entran máis pouco a pouco e o principal traballo que temos por diante é o da difusión para poder chegar a outros puntos máis alá de Galicia", conta a pontevedresa.

Todas as mulleres interesadas en participar no proxecto achegando a súa historia poden relatala no enderezo electrónico [email protected] indicando no asunto a comunidade autónoma na que ocorreu. Só é preciso situar a agresión nun punto do mapa e relatala brevemente. As participantes manteñen o anonimato. Falar do acoso nas rúas axuda a compartir a frustración das que temen camiñar soas, mais tamén reivindica o dereito das mulleres a vivir sen medo.

Comentarios