En marcha a mellora da contorna do Local de Música e do albergue de peregrinos

► As obras, promovidas polo Concello, potenciarán a prioridade peonil e crearán un espazo de convivencia fronte ao edificio municipal
photo_camera Operarios e maquinaria traballando no lugar. DP

Tal e como estaba previsto, o Local (tamén coñecido como Local de Música) situado na rúa Otero Pedraio está a recibir unha actuación de mellora en toda a súa contorna. As obras, con cargo ao contrato de Mantemento, teñen como obxectivo reordenar todo o espazo existente a través dunha serie de accións que melloren a seguridade e convivencia en todo lugar.

A concelleira Eva Vilaverde informou o pasado mes de maio do comezo inminente destas obras, que xa están en marcha e que lle darán continuidade aos itinerarios peonís na rúa Otero Pedraio (baixo a explanada do Local), xerando un vao de acceso en formigón nivelando a beirarrúa dun lado a outro, eliminando os chanzos existentes e corrixindo o estreito tamaño das beirarrúas.

Ao longo destes días será instalada unha sinalización de prioridade peonil, pensando sobre todo nos usuarios do Local e do albergue público alí situado.

O resto de beirarrúas, na parte superior, tamén recibirán rebaixas e crearanse ramplas adaptadas para conectar co resto de percorridos.

A zona de aparcadoiro garantirá un acceso peonil central, ao tempo que quedará establecida unha zona de acceso e servizos ao propio edificio municipal e se renovará a sinalización horizontal e vertical de toda a zona.

No fondo do saco do aparcadoiro, diante da porta de acceso principal, está a ser creada unha zona de estancia cunha reserva estritamente peonil, na que serán instalados bancos co fin de aproveitar a zona verde xa existente, garantindo "xa non só actividades do Local, senón a convivencia e cohesión da xente que se achega até o edificio", tal e como foi indicado no seu día.

Dentro das accións previstas nesta actuación tamén figuran a substitución das barandas por mor da súa antigüidade, xunto co arranxo e mellora da recollida de pluviais. Tamén se mellorará a iluminación nos accesos.

Todas as actuacións a realizar están enmarcadas na aposta do Concello de Pontevedra por manter o Local como un fervedoiro cultural e de ocio para a xuventude, un espazo vivo que foi evolucionando ao longo dos anos e que continúa a ser un referente na actualidade.

Comentarios