En marcha os traballos do primeiro parque de xogos de auga da cidade

As obras, realizadas pola empresa Vortex Estruturas Acuáticas, contan cun orzamento de 374.640,05 euros, e teñen un prazo de execución de dous meses e medio
Iván Puentes visita o inicio dos traballos no parque de Rosalía de Castro. Á dereita, infografías do futuro parque de xogos acuáticos. DP
photo_camera Iván Puentes visita o inicio dos traballos no parque de Rosalía de Castro. Á dereita, infografías do futuro parque de xogos acuáticos. DP

A próxima primavera Pontevedra contará co seu primeiro parque de xogos de auga. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha os traballos que permitirán que este proxecto sexa unha realidade.

A actuación, enmarcada dentro da estratexia de renaturalización de ríos e espazos naturais e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, será realizada pola empresa especializada Vortex Estruturas Acuáticas SL cun investimento de 309.620 euros.

O proxecto implica a creación dunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos e nenas de todas as idades idades nunha parcela de 3.400 metros cadrados situada no parque Rosalía de Castro, na ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes).

O edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, acompañado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, supervisou o inicio das obras, que teñen un prazo de execución de dous meses e medio, "o que significa que os pontevedreses e pontevedresas poderán estrear na primavera de 2023 esta espectacular área de lecer, que tamén contará cunha zona de xogos tradicionais elaborados en madeira de robinia de 625 metros cadrados, semellante á existente no parque das Palmeiras e presidida por un enorme castelo", subliñou.

Tal e como lembrou o edil do PSOE, "a intervención prevé ademais unha mellora paisaxística de todo este contorno, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxéticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo", engadiu.

O novo parque de xogos de auga ocupará unha superficie de 225 metros cadrados e disporá dunha enorme cantidade de funcións de xogo, con diversos tipos de difusores, chorros e formas de auga, que se distribuirán en tres áreas: unha zona de xogo en familia, unha para os máis pequenos e outra para nenos de máis idade.

Á hora de efectuar a adxudicación da obra tivéronse en conta os criterios de deseño, as solucións técnicas, as posibilidades de xogo e a capacidade dos elementos, tanto no que atinxe aos xogos de auga como aos "tradicionais", así como as numerosas melloras ofertadas por Vortex e que están valoradas en 43.340,37 euros.

Tal e como subliña o PSOE, o prazo de execución dos traballos redúcese dos catro meses recollidos no prego de condicións a dous meses e medio; o prazo de mantemento proposto é de 48 meses e incorpóranse numerosos xogos e elementos complementarios en ámbolos parques, incrementándose a superficie da nova área de lecer. No que atinxe ao parque de xogos "tradicionais" que se creará a carón do de xogos de auga, a súa peza estrela será un enorme castelo construído en madeira de robinia.

Circuíto de auga ecolóxico e depuración
Entre os elementos que se instalarán inclúense activadores que permitirán activar a secuencia de auga dos xogos e que controlarán o consumo de auga, axudando a reducir o gasto innecesario; unhas Led Lights de cores vermello, verde, azul e branco cálido puro que crearán impresionantes efectos de iluminación e que estenderán as horas de uso; canóns Tube con rotación de 360º; un arco Spray Loop que xerará unha suave bruma de auga; uns soportes Helio 6, con seis chorros xiratorios para crear chaparróns refrescante, e Helio 3, con tres chorros para xerar unha nube de choiva; un xogo táctil para nenos Pico 2, con texturas únicas e un pivote acuático interactivo para iniciar ou deter o caudal de auga, e brazos Silhouette No1 cun cativante efecto de campá de auga.

"Todos os xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade e resistir condicións desfavorables e actos vandálicos". O tratamento da auga do novo parque levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración formado por unha bomba de filtración, un filtro de area e equipos de dosificación, aplicándose un filtrado e unha achega de produtos químicos que garantan que estea en condicións de cloro, PH e limpeza para un baño totalmente seguro.

Comentarios