Marcos Cal: "O PP non pode pedir a dimisión de Vello tendo casos como o de Baltar"

O deputado electo de En Marea cre que a mensaxe "o PP ou o caos"» callou moi ben no electorado e que o apoio masivo dos galegos a Feijóo hai que "respectalo"
O deputado electo de En Marea Marcos Cal, este mércores no Diario de Pontevedra
photo_camera O deputado electo de En Marea Marcos Cal, este mércores no Diario de Pontevedra

Di que convidaría a Alberto Núñez Feijóo a un café "sempre e cando me servira para sacar adiante medidas do noso programa" e lamenta a crise pola que está a atravesar o PSdeG-PSOE, "porque é positivo que os grupos da oposición esteamos calmados" no Parlamento galego. Marcos Cal (Pontevedra, 1978) estréase como político. Faino como deputado despois de que En Marea, o seu partido, se convertira na segunda forza máis votada nas pasadas eleccións e lograra 14 parlamentarios, cinco deles por Pontevedra.

Foi o do 25-S un bo resultado para En Marea?
Evidentemente, nós saímos a estas eleccións para tratar de evitar a maioría absoluta do Partido Popular e construír un goberno de progreso en Galicia que revertese as súas políticas. Ese obxectivo non se acadou. Entón, dende ese punto de vista, non podemos estar contentos. Aínda así, a cidadanía escolleunos como alternativa de goberno en Galicia. Iso fará que nos consolidemos como a forza do cambio en Galicia. Traballaremos para conseguilo.

Finalmente houbo ‘sorpasso’ ó PSOE. A que cre que foi debido?
Estamos no medio dun proceso de cambio en todo o Estado. Esta evolución non é continua, non vai ó ritmo que moitos queremos, pero estase a dar. En Galicia a cidadanía xa nos posiciona como espazo de referencia, de cambio, e penso que se non acadamos un posicionamento mellor, estando máis distanciados aínda do PSOE, é porque non nos deu tempo a presentar a nosa proposta.

Era Luís Villares o mellor candidato?
É un excelente candidato. Eu non o dubidei nunca. Cando coñecín a Villares pareceume un candidato excelente. Estaba tranquilo por iso. Agora, como líder da oposición, vai facer un grandísimo papel. Non me cabe ningunha dúbida.

Que lle pareceu o chío de Fernán Vello chamando "ignorantes" e "escravos" ós galegos tralo 25-S?
Evidentemente foi un ‘tuit’ moi desafortunado. Foi un erro que inmediatamente Fernán Vello rectificou. Ogallá a xente do Partido Popular metida en casos de corrupción ou en casos como o do propio Baltar [denunciado por unha muller que o acusou de ofrecerlle un traballo público a cambio de sexo] rectificase.

Cre que Vello debería dimitir?
Non. Foi un erro en quente. Fixo un ‘tuit’ que eliminou inmediatamente. O que non pode ser é que haxa xente do Partido Popular que pida a súa dimisión cando teñen casos como o de Baltar, por non falar doutros a nivel estatal.

Por que cre que a xente votou de forma masiva ó Partido Popular de Feijóo?
Creo que a nós nos faltou tempo para presentar o noso proxecto e que a cidadanía nos puidera visibilizar como partido que traía as propostas máis acaídas para Galicia. Houbo un 30% dos galegos e das galegas chamados ás urnas que votaron ó Partido Popular. Iso foi suficiente para que tivera unha maioría absoluta. Non queda outra que respectalo, aceptalo e traballar durante os vindeiros catro anos para que non volva ser así.

Case todos os medios de comunicación e moitos expertos coinciden en que Alberto Núñez Feijóo é un bo xestor público.
Feijóo non foi nin é un bo xestor. Non hai máis que mirar para os datos do paro, que son peores. Dende que é presidente da Xunta hai máis precariedade laboral, máis pobreza e servizos públicos cada vez máis deteriorados. Polo tanto, para min non é un bo xestor. Pero si é certo que esa mensaxe que utilizaron e que dicía que eran eles, o PP, ou o caos, si funcionou e callou na cidadanía.

Recibiu algunha chamada de Podemos trala noite electoral?
Non.

Vostede é unha persoa vinculada a Podemos. Cre que a súa militancia xogará en contra da solidez do proxecto de En Marea? Hai voces que apuntan xa a que o partido [que integra a Podemos, Esquerda Unida e Anova] podería descompoñerse pola súa diversidade...
Eu creo que se pon en dúbida a nosa solidez porque nos teñen medo. Porque saben que somos a alternativa de goberno futuro en Galicia. Este é un espazo de nova creación, de hai tan só uns meses, que se ten que consolidar. E este resultado permitirá que o fagamos con máis facilidade. En Galicia hai unha base social de cambio. A esa xente é á que respresentamos.

A quen se deberá vostede como deputado, a Podemos ou a En Marea?
Esa pregunta é moi fácil: eu débome á cidadanía. En Marea nace para darlle voz á cidadanía.

Vostede provén do 15-M e agora estrearase como deputado por En Marea. Cre que lle pasará factura a súa falta de experiencia política previa?
Os hándicaps que podemos ter as persoas que antes non tivemos un traballo no Parlamento están nas cuestións burocráticas e en como se funciona. Pero aprenderemos rápido. Xa traballamos en política noutros espazos. Nós temos moi claro o noso camiño. O único que precisamos é saber cando ou onde debemos presentar segundo que ‘papeliño’. Nada máis.

Cal debe ser a primeira medida que debe tomar En Marea na oposición?
Incidiremos no noso programa. Levamos 15 propostas estrela. Por resumir: a aposta pola mellora dos servizos públicos, polo emprego de calidade e por atender as cuestións de emerxencia social. Hai moitas familias que non chegan a final de mes. E aí hai que incidir.

Comentarios