Marcos Rey achégase ao mercadillo solidario dos colectivos Os Palleiros e Ohana na Ferrería

A iniciativa tivo como obxectivo recadar financiamento para a súa actividade de custodia e coidado de cans abandonados
Marcos Rey no mercadillo. DP
photo_camera Marcos Rey no mercadillo. DP

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, achegouse ata o mercadillo instalado nos Soportais da Ferrería pola asociación protectora Os Palleiros e o colectivo Ohana coa finalidade de recadar fondos para a actividade de custodia e coidado de cans abandonados que desenvolven.

O edil socialista constatou que, á marxe da achega anual de 35.000 euros que o Concello destina ao convenio para o funcionamento da canceira de Campañó (8.750 euros por trimestre), este tipo de mercadillos “supoñen un importante xeito de financiamento para que estas asociacións poidan realizar o seu indispensable e xeneroso labor a prol dos animais”, polo que anima a todos os pontevedreses “a efectuar as súas achegas, por pequenas que sexan”.

Rey lembrou que a Concellería de Benestar Animal porá en marcha a principios de ano os traballos de reforma da cuberta do refuxio, unha actuación que conta cun orzamento duns 18.000 euros e que permitirá acabar coas filtracións de auga que afectan nestes momentos ás instalacións.