Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

Marea pide que Marín participe nun servizo de normalización lingüística

A formación política vén de presentar unha moción na que asume os postulados da Asociación Queremos Galego para que se cree unha entidade conxunta no Morrazo

Marea Marín vén de presentar unha moción relativa á inclusión do Concello de Marín no proxecto de creación dun servizo de normalización lingüística común para os concellos do Morrazo.

A iniciativa recollida por Marea Marín foi elaborada pola Asociación Queremos Galego Marín e, de ser incluída na Orde do Día, será defendida por un dos seus integrantes. Con esta acción, Marea Marín quere "dar voz á cidadanía, abrir as portas do Concello aos diferentes colectivos e ás súas reivindicacións, tal e como adiantábamos no noso programa electoral", indicou nun comunicado.

Este futuro servizo de normalización lingüística mancomunado do Morrazo e fomentado dende o Servizo de Normalización da Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Política Lingüística "daría solución ás importantes eivas do Concello de Marín en materia lingüística que, ben por desleixo ou por falta de interese, se están a producir día a día: documentación municipal só en castelán, toponimia deturpada, comunicacións públicas con erratas lingüísticas, o rueiro municipal, etc.", afirma Marea Marín.

Queremos Galego Marín pediu ao Goberno municipal que o municipio se sume á iniciativa conxunta entre os concellos do Morrazo e considéraa "unha oportunidade" para darlle un pulo á lingua.

Así mesmo, o colectivo lembra que "hai uns meses o Instituto Galego de Estatística publicaba os datos de uso de galego nas familias correspondentes ao ano 2011. No estudo constátase a evidencia de que o galego é a lingua que sofre unha caída de falantes máis acusada de todas as que teñen rango de oficialidade no Estado", e resalta que isto débese a que "as políticas da Xunta non só non están a garantir a recuperación do galego senón, polo contrario, están a potenciar a súa substitución".

Neste sentido, o colectivo destaca "a urxente necesidade de dotar o noso Concello dun servizo municipal de normalización e dinamización do noso idioma, un servizo estable e con vocación de potenciar o uso da lingua que debe realizar labores de asesoramento, soporte de actividades municipais en matería lingüística e colaboración coas entidades culturais e sociais da vila".

A integración nun servizo conxunto "daría solución ás importantes eivas do Concello de Marín en materia lingüística".

Marea pide que Marín participe nun servizo de normalización...
Comentarios