Marea Pontevedra sinala o Mercado de Abastos como gran motor económico

Propón unha consigna de frío e que se amplíe o plantel de traballadores municipais

Casal, Rei e Abal, no Mercado de Abastos. CEDIDA
photo_camera Casal, Rei e Abal, no Mercado de Abastos. CEDIDA

Varias candidatas de Marea Pontevedra acompañaron este venres a Luís Rei, Teresa Casal e Celia Abal nunha visita ao Mercado, na que definiron como unha "misión comercial máis modesta que a realizada a México polo Goberno municipal, hai un ano da que se descoñece a día de hoxe o retorno económico que tivo para a cidade".

Na Praza traballan diariamente arredor de 100 persoas que so contan co apoio actual de cinco empregados municipais, cando noutras épocas eran máis de dez. As solucións que propón Marea Pontevedra pasan, entre outras, pola inclusión dunha consigna de frío e a ampliación do plantel de traballadores municipais, "e non quedar na redecoración do andar superior e na improvisación xeralizada no resto coa que o Goberno municipal enfronta as actuacións na praza".

Para converter o Mercado no gran motor que axude á reactivación económica, comercial e mesmo residencial da Zona Monumental, a formación rupturista plantexa, entre outras melloras, recuperar a xestión pública do andar superior, incrementar o número de empregados públicos, adecuar o contrato de limpeza ás necesidades, instalar cortaventos no acceso ao corredor central, un filtro solar nos lucernarios da zona de venta do peixe, unha máquina de fabricación de xeo, unha consigna de frío no andar inferior, unha nova verxa no lateral esquerdo, ofrecer o envío da compra a domicilio, habilitar o uso de wifi en todo o recinto, dispoñer de carriños de compra para os clientes e instalar taquillas para as praceiras, que agora carecen delas.

Teresa Casal, anteriormente concelleira de Mercados, opina que "queremos suspender ao BNG con dúas sonoras cabazas pola mala xestión do mercado. No ano 2007, cando deixei esta responsabilidade, estábase estudando a colocación dun cortaventos traseiro no acceso ao corredor central, e hoxe, 12 anos despois, aínda non está xestionado. É inaceptable que un tema tan importante como este mercado, que foi motor económico de Pontevedra, agora estea completamente abandonado polo goberno municipal".

A praceira Celia Abal, que incorporouse este ano á candidatura de Marea Pontevedra, lembra que "eu sempre estiven no Mercado, levo 40 anos aquí, estiven en todos os traslados, e nunca se nos fixo caso, non se conta con nós para nada. Os baños do primeiro andar cambiáronse, pero os de abaixo levan desde xaneiro sen luz e din que teñen que pedir un orzamento; que teñan claro que os concesionistas de abaixo non imos estar quietos".

Pola súa banda, o cabeza de lista e candidato a alcalde, Luís Rei, considera que "a zona monumental vive un declive, cunha baixada de residentes en 20 anos de 2500 aos 2000 que ten actualmente, e co esmorecemento do comercio de proximidade, cun tercio dos locais abandonados ou en ruínas. A zona monumental non pode vivir de costas á praza de abastos, que debería actuar como locomotora de todo o sector, e actualmente é unha locomotora gripada. A non actuación no mercado con medidas eficaces permite alimentar a sospeita de que detrás de todo está o ánimo de privatizar primeiro o andar superior, e finalmente acabar privatizando todo o mercado que é propiedade de todos os pontevedreses e mantén a súa actividade no emprazamento actual desde hai 70 anos".

Comentarios