En Marea preséntase como a "garantía" de que a Ence non se lle concederá unha nova prórroga

A formación aspira a que a empresa estea "fóra da ría" de Pontevedra

Presentación do proxecto de En Marea para a provincia de Pontevedra. TWITTER
photo_camera Presentación do proxecto de En Marea para a provincia de Pontevedra. TWITTER

A cabeza de lista de En Marea ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Iris Malvido, presentou o proxecto desta formación para as eleccións xerais, que se celebran o 28 de abril, como unha "garantía" de que non se concederá unha nova prórroga á planta coa que conta Ence Energía y Celulosa na cidade do Lérez. No marco da presentación da súa candidatura para os comicios xerais, celebrada este martes en Vigo, Malvido asegurou que a súa formación aspira a que Ence estea "fóra da ría" de Pontevedra. 

Ademais, definiu a En Marea como a "única alternativa" galega ao "bipartidismo" que poderá alcanzar "representación" en Madrid. Así, sinalou a necesidade de que Galicia conte cunha "voz" que defenda os seus intereses nas Cortes Xerais. Neste sentido, o portavoz de En Marea, Luís Villares, afirmou que, ante a posibilidade de que Ciudadanos non sume os escanos suficientes co PP e Vox tras o 28 de abril, podería ter lugar unha negociación da formación laranxa co PSOE. 

Respecto diso, asegurou que esta situación provocaría o mantemento da Lei Mordaza e a aprobación duns Orzamentos Xerais do Estado (PGE) "lesivos" para a comunidade. Deste xeito, lembrou que os expostos para este ano —rexeitados polo Congreso— levaban un descenso dos fondos destinados a Galicia.

 

"POTENCIACIÓN" DA INDUSTRIA. Mentres, Iris Malvido reivindicou a aposta de En Marea pola "potenciación" da industria da cidade olívica, así como pola defensa dunhas "pensións dignas" e un sistema sanitario universal e gratuíto. 
A cabeza de lista para o Congreso pola provincia de Pontevedra, que se definiu como parte da "xeración do Xabarín" Club, resaltou a "destrución" de emprego que se produce en Galicia e a necesidade de derrogar as reformas laborais. 

Villares incidiu ademais na importancia do desemprego xuvenil e afirmou que a súa formación aspira a "crear oportunidades de futuro" para que as novas xeracións non se vexan obrigadas a emigrar por motivos laborais. Tamén resaltou a precarización do sector do 'telemarketing' que, segundo lembrou, conta cunha gran presenza femenenina e fixo referencia ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado por Bosch en Vigo. 

Así mesmo, o 'número dous' ao Congreso pola provincia, Manuel González, avogou por "recuperar" os dereitos "perdidos" durante os últimos anos para garantir a "igualdade real" de todos os cidadáns. Neste sentido, reclamou "políticas públicas" que garantan unha "vivenda digna" para todas as persoas e o dereito a unha sanidade pública e gratuíta.

SANIDADE. En canto á atención sanitaria, comprometeuse a "achegar" este servizo a "todos os puntos" de Galicia e defendeu a necesidade dun sistema de saúde que dea "cobertura" a aquelas persoas que residen na periferia. Ademais, manifestou o apoio do partido instrumental á folga convocada para os próximos 9,10 e 11 de abril nos centros galegos de Atención Primaria xa que, na súa opinión, trátase dunha prestación "fundamental". 

Nesta liña, apostou pola derrogación da Lei 15/1997 sobre habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde ao considerar que "abre a porta" á "privatización" do modelo sanitario, así como pola do Real Decreto Lei 16/2012. 

A cabeza de lista para o Senado pola provincia de Pontevedra, Mari Camiña, lamentou o "descoido" de zonas de alto valor ambiental e denunciou a presenza de "verteduras" contaminantes nas praias galegas, que achacou a un mal funcionamento das depuradoras. Camiña tamén avanzou que En Marea apostará por unha "educación ambiental". 

Comentarios