Marea propón reabrir o antigo asilo como residencia pública

O partido liderado por Rei aposta por un centro para maiores que tamén crearía postos de traballo

Asilo de anciáns, pechado dende hai anos. J.C., ARCHIVO
photo_camera Asilo de anciáns, pechado dende hai anos. J.C., ARCHIVO

O candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía, Luís Rei, e a número dous da lista, Tere Casal, mantiveron este sábado un encontro cos veciños do barrio do Castañal e de Eduardo Pondal para explicarlles os seus proxectos nestas áreas da cidade. Estiveron acompañados por Manuel Fontán, Juanma Cernadas e Toño Ramírez.

A cita foi diante do antigo Asilo de Pontevedra, que propoñen recuperar, tras o correspondente acondicionamento, para convertelo nunha residencia de maiores homologada e pública. "A súa reapertura como residencia faría innecesario que a Xunta abra o Hospital Provincial ao uso xeriátrico, mantendo o seu exclusivo e xa centenario uso sanitario, como defende a plataforma SOS Sanidade Pública".

Marea subliña que contar cun gran centro residencial destas características "tamén sería un revulsivo a afectos de emprego, polo alto número de postos de traballo directos que crearía, e tamén pola repercusión que tería no comercio e nos negocios da contorna".

Outra das súas propostas é unha "sinxela actuación" na parte final da rúa Ernesto Caballero que permita que vehículos e persoas teñan saída cara a rúa da Sequiña que comunica con Prado Novo. Tamén queren conectar esta rúa coa paralela Praza das Regas. "Son dúas pequenas obras que desconxestionarían o tráfico e facilitarían en gran medida a vida das veciñas da contorna", destaca.

O estado do barrio do Castañal "non é, nin moito menos, o mellor", afirma, xa que "a maior parte das rúas precisan asfaltado e melloras na sinalización e nas beirarrúas" e tamén mellorar o alumeado, a limpeza e o mantemento das zonas comúns.

Comentarios