Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

En Marea reclama a anulación do Consello de Guerra de Bóveda

A filla e o neto de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, no acto do Día da Galiza Mártir do ano pasado. ALBA SOTELO (ARQUIVO)
A filla e o neto de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, no acto do Día da Galiza Mártir do ano pasado. ALBA SOTELO (ARQUIVO)

No marco do Día da Galiza Mártir, o deputado da confluencia Fernán Vello vén de presentar no Congreso varias preguntas encamiñadas a reparar a memoria histórica nacionalista

O portavoz da formación de confluencia no Congreso dos Deputados, Miguel Anxo Fernán Vello, vén de presentar na Cámara unha batería de preguntas ao Goberno de Pedro Sánchez co obxectivo de que anule o Consello Sumarísimo de Guerra mediante o que foi condenado en 1936 o histórico dirixente do Partido Galeguista e candidato da Fronte Popular.

En Marea reclámalle ao Executivo estatal que, "en cumprimento da Lei de Memoria Histórica", anule o devandito Consello de Guerra e dea así conta "das peticións do Informe do Alto Comisionado da ONU para a reparación e as garantías de non repetición". No informe referido, que data do 2014, solicítase ao Goberno central a nulidade das sentenzas ditadas polo franquismo.

No verán de 2015, o Ministerio de Justicia, entón rexido polo Partido Popular, aprobou a reparación moral e o recoñecemento da figura de Alexandre Bóveda. No ditame, o exministro Rafael Catalá recoñecía que o mártir galeguista sufriu "persecución e violencia durante a Guerra Civil por razóns políticas e ideolóxicas".

En Marea esixe agora ao PSOE que dea un paso máis, mediante "a invalidación de todas as sentenzas de morte promulgadas polo exército golpista, empezando pola do compañeiro Bóveda, do que lembramos nestas datas o seu fusilamento". Reclaman, desta forma, que o Goberno de Pedro Sánchez "non se limite a promulgar Declaracións de Reparación e Recoñecemento Persoal, como ten feito o PP". Fernán Vello incidiu tamén en que "a reposición da memoria histórica ten que ir máis alá de sacar a Franco do Val dos Caídos".

ACTO CONMEMORATIVO. En Marea e Marea Pontevedra organizan este venres en Pontevedra un acto para conmemorar o Día da Galiza Mártir, no que se lembra o 82 aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda no monte da Caeira.

O acto, baixo o epígrafe Memorias Rescatadas, comeza ás 12.00 horas nas escaleiras de Facenda, no xardín da Ferraría. Nel intervirán Ana Seijas, vicevoceira da formación; Peque González, coordinadora de Marea Pontevedra; Silvia Díaz, de En Marea Poio, e a escritora e académica Marilar Aleixandre. O acto "en clave feminina" pretende servir como medio de homenaxe "ás mulleres que sufriron a represión fascista tras o golpe militar". En Marea acudirá tamén aos actos organizados pola Fundación Alexandre Bóveda e ao institucional do Concello de Poio.

O monumento a Bóveda volverá acoller un acto institucional de homenaxe

A homenaxe comezará ás 13.00 horas e contará coas intervencións de Lidia Salgueiro, concelleira de Cultura de Poio; dun representante da Fundación Alexandre Bóveda; dun membro da Rede Galega Contra o Esquecemento e a Impunidade (Recontei); dunha representación dos 19 de Meirás, activistas nacionalistas acusados por pendurar unha pancarta do Pazo de Meirás reclamando á súa "devolución ao pobo"; de Amalia Bóveda, filla do homenaxeado, e de Luciano Sobral, alcalde de Poio.

Nesta homenaxe entregarase tamén o XIII Premio do Día da Galiza Mártir, concedido pola Fundación Alexandre Bóveda, e que recibirá este ano Xosé María López de Guereñu, exmilitante do Partido Galeguista e fundador da propia Fundación, que vicepresidiu entre 1990 e 2003.

Os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, estarán presentes no devandito acto e realizarán, ao igual que outros dirixentes políticos, ofrendas florais no monumento en memoria do mártir galeguista. Un grupo de música tradicional será o encargado de interpretar o himno galego ao remate da homenaxe.

A Fundación Alexandre Bóveda organiza tamén para este día un xantar na Alameda da Seca e unha ofrenda cívica no Cemiterio de San Amaro, onde está enterrado o mártir, que se iniciará ás 19.00 horas e ao que tamén acudirán representantes do BNG e En Marea.

BNG. Os nacionalistas celebrarán tamén o seu propio acto político do Día da Galiza Mártir, que, un ano máis, terá lugar na Praza de Curros Enríquez, onde tamén se atopa un monumento a Bóveda.

As intervencións correrán a cargo de Marta Gómez, responsable comarcal de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG; Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro, e Ana Pontón, a portavoz da fronte.

En Marea reclama a anulación do Consello de Guerra de Bóveda
Comentarios