Mareas da área de Pontevedra instan ao Concello a involucrarse co transporte metropolitano 

Defenden que a Boa Vila é a única cidade galega que non conta con transporte público urbano nin  metropolitano, a pesar de ser obrigatorio por ter máis de 50 mil habitantes

Luís Rei, Silvia Díaz e Aaron Franco. DP
photo_camera Luís Rei, Silvia Díaz e Aaron Franco. DP

Distintas mareas da área de Pontevedra instaron ao Concello da cidade do Lérez a involucrarse na implantación do transporte metropolitano para conseguir un servizo público urbano de calidade nos seus respectivos municipios. 

Así o demandaron nunha rolda de prensa o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei; que compareceu acompañado pola edil non adscrita de Poio Silvia Díaz e o concelleiro de Marea Marín, Aaron Franco. 

Na comparecencia, Aarón Franco e Silvia Díaz avalaron a proposta elaborada polo equipo de Luís Rei para a cidade de Pontevedra como punto de partida para consolidar un transporte metropolitano que permita a cidadanía non depender do vehículo privado para desprazarse. 

As Mareas da Ría de Pontevedra sinalaron o caso da Boa Vila como o máis significativo pois, segundo apuntaron, é a única cidade galega que non conta con transporte público urbano, e tampouco con transporte metropolitano a pesar de ser obrigatorio por ter máis de 50 mil habitantes. 

Na súa intervención, Luís Rei incidiu na necesidade de que as administracións dialoguen para beneficiar ao conxunto da poboación, tendo en conta que, conforme sinalou, a súa formación leva feito "o imposible para satisfacer esta demanda". Así, lembrou que introduciu no orzamento municipal unha partida para o transporte metropolitano e presentaron unha proposta de transporte público urbano "e nin goberno local nin Xunta de Galicia moven un dedo". 

"Parece que Pontevedra terá que esperar a que gobernemos esta cidade para ter transporte público", dixo Rei.

"ALTERNATIVAS REAIS". Aarón Franco subliñou que a sociedade debe contar con "alternativas reais e sustentables ao transporte privado", e que o transporte a demanda "no canto de ser un modelo eficaz é unha especie de especulación do transporte público". 

Con respecto ao transporte metropolitano, mostrouse distante coa actitude do Goberno autonómico. "Estamos de acordo coa necesidade do transporte metropolitano pero non incondicionalmente", esgrimiu, antes de incidir en que estas propostas "deben facerse desde unha perspectiva de país" e involucrando a todos os actores posibles. 

Na mesma liña pronunciouse Silvia Díaz, quen considera a iniciativa de Marea Pontevedra como "un punto de partida moi positivo" para mellorar a mobilidade entre os concellos e evitar que os veciños de Poio teñan que coller o coche para determinados desprazamentos. 

Igualmente, sinalou que o problema do transporte é "secular" e avanzou que votará a favor da adhesión do Concello de Poio ao transporte metropolitano, xa que "a proposta da Xunta pode ser un punto de partida". "E o transporte metropolitano é básico e fundamental se queremos unha alternativa sensata e útil ao vehículo privado", resolveu. 

Comentarios