Organizadora da xornada 'Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero'

María A. Lires: "Temos que facer visible a violencia de xénero exercida nos nenos"

A investigadora de Ciencias da Educación é unha das artífices da xornada que tratará de dar luz a unha realidade "que permanece oculta" e que demanda "formación con perspectiva de xénero en todas as institucións"

María A. Lires. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera María A. Lires. OLGA FERNÁNDEZ

"Do que non se fala non existe". Por iso, asegura a profesora e investigadora de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires, cómpre poñer o foco sobre unha realidade que permanece oculta ó abeiro da violencia machista. Álvarez organiza a xornada Infancia e adolescencia: unha Cara Oculta da Violencia de Xénero, que se inaugura mañá no Pazo da Cultura e promoven a Concellería de Igualdade e maila Deputación, baixo o paraugas da Escola María Vinyals.

Como naceu esta xornada?

Xurdiu dun proxecto do mesmo nome que levamos a cabo na Universidade de Vigo e que forma parte do proxecto Redes, que dirixe Ángeles Parrilla. Estudamos basicamente cuestións como educación e xénero e ciencia e xénero. A profesora Azucena Arias e máis eu encargámonos da coordinación deste microproxecto de investigación participativa, é dicir, no grupo non estamos persoas expertas, senón que aprendemos de maneira comunitaria. Neste proxecto participamos psicólogas, profesoras, pedagogas, traballadoras sociais, profesionais de organizacións feministas e xente que pertence a colectivos vulnerables. O que temos en común é que somos feministas e temos unha preocupación especial pola cuestión da violencia de xénero.

En que se centra ese estudo?

Comezamos pensando que nos iamos fixar nos centros educativos, en ver como se detectaba a violencia contra a muller e como se podía facer a prevención da violencia exercida contra os fillos, pero rapidamente puidemos ver que esta violencia era algo moito máis complexo. Ten unha cara moito máis oculta. A violencia de xénero exercida contra nenos e nenas e contra adolescentes ou non se sabe dela, ou sábese pouco ou non lle se fai caso. Na infancia non se lle presta a atención debida. Temos que aprender a detectar a violencia de xénero nos nenos.

Refírese ós colexios?

Refírome ás institucións en xeral. E que non só se trata de detectar. Un dos problemas para nós é que en todas as institucións se necesita formación con perspectiva de xénero. No eido sanitario, educativo, asociacionista... É un problema moi complexo que non se resolve cun protocolo. Os protocolos, para empezar, teñen que incluírse nas leis.

"A violencia de xénero exercida contra nenos, nenas e adolescentes ou non se sabe dela, ou sábese pouco ou non lle se fai caso"

Que obxectivos perseguen?

Visto que falamos dunha cara oculta da violencia de xénero, pensamos que un obxectivo é facela visible. Outro é formarnos nós mesmas para saber como intervir. Ás veces vas ás institucións e non atopas as solucións que buscas, así que decidimos formarnos como investigadoras. O obxectivo fundamental é difundir as conclusións ás que nós cheguemos esta fin de semana. Incorporarémolas á nosa investigación.

Falarán dos fillos e fillas como vítimas da violencia.

Si. Primeiro presentaremos o noso microproxecto. Logo está a conferencia da psicóloga Sonia Vaccaro sobre a suposta Síndrome de Alineación Parental (SAP), que non se acepta cientificamente, como o Colexio de Psicólogos acaba de facer público. Isto entronca con todo o debate de custodia compartida, non por consenso, senón por defecto, e que tamén abordaremos.

En só dous días esgotáronse as prazas para participar nos obradoiros que ofrece a xornada.

Si. Foi un éxito. Temos unha lista de agarda. Como tiñamos que buscar ferramentas para prevención e detección decidimos organizar uns obradoiros, un dedicado a educación, sanidade, asociacionismo e outro para o eido xurídico, que se relaciona co pacto de estado. Contamos coa colaboración da Asociación Galega Contra o Maltrato a Menores, e coa colaboración do Concello e a Deputación de Pontevedra, que se prestaron a subvencionar as xornadas.

A quen vai dirixida esta xornada?

A todo o público en xeral. De todas as idades. Non se fixo ningunha selección por xénero, aínda que é certo que unicamente temos matriculados tres homes.

Que agarda da cita de mañá?

Que teña suficiente difusión para que o problema se faga visible. Hai estudos europeos que falan de violencia en xeral que din que arredor dun 30% dos nenos e un 40% no caso das nenas sufren algún tipo de violencia. É unha cara oculta, non temos datos oficiais desagregados nin fiables que poidan darnos unha idea da situación. E hai que cambiar iso.