María Pierres, arquitecta: "Antes tiñas que convencer á xente de que o rural é atractivo, agora xa non é necesario"

Unha casa na aldea como necesidade. Este novo paradigma é tamén parte da nova normalidade segundo María Pierres, que pide máis axudas públicas para rehabilitar casas no rural e modernizalas
2020072211130065150
photo_camera María Pierres. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tamén os estudos de arquitectura detectaron un aumento nas consultas para restaurar vivendas herdadas no rural, aínda que a arquitecta María Pierres relaciona máis esta tendencia cunha necesidade xurdida no confinamento que cun cambio de modelo.

Creceu a demanda de reformas no rural?
De momento non manexamos eses datos e é posible que non os coñezamos ata que fagamos balance do ano, pero temos conversas entre compañeiros que nos van trasladando que se están achegando aos estudos persoas que non só compran casas no rural, senón que teñen vivendas herdadas en aldeas e que nunca se ocuparon delas que agora queren reformalas. Sobre todo veñen a estudar a viabilidade dos proxectos. É verdade que tamén estamos nun momento dobre: por un lado hai unha nova necesidade que antes non se entendía como tal, que é ter o rural como un refuxio para situacións como estas, pero por outro lado existe o medo a facer investimentos. A nivel persoal tamén estou traballando no fomento do cohousing en Galicia. Neste sentido, estamos vendo que a maior demanda que existe é de comunidades no rural. Non tanto un rural alleo aos servizos, senón no extrarradio de cidades. Búscanse entornos tranquilos, nos que se poida dispoñer de hortas, autosustentables...

Segundo as inmobiliarias, quen compra no rural faino coa idea de ter unha segunda residencia, non para ir vivir alí. Pasa o mesmo coas reformas?
Si. Neste momento o interese está motivado por unha necesidade intensa e puntual. Está máis relacionado co confinamento que cun cambio de modelo. Isto vai cambiar con novas formas de habitación en pisos que van ser concebidos con máis vantaxes, como terrazas ou espazos exteriores. 

Converteranse as aldeas entón en zonas de vacacións?
Penso que contaremos con eses dous modelos de vivendas, o piso na cidade e a casa no rural, como antes tiñamos a casa na praia. Agora a costa é menos atractiva porque é máis cara. Non todo o mundo poderá pagar dúas vivendas. Por iso dende o Colexio de Arquitectos falamos da necesidade de que se dean axudas. Esta é unha nova necesidade. Ata agora as axudas dábanse como un incentivo para que a xente ocupara o rural, pero agora o incentivo xa o temos, falta o financiamento. Antes tiñas que convencer á xente de que o rural é atractivo, agora xa non é necesario. E tamén son importantes as axudas tecnolóxicas. A xente quere ir ao rural, pero necesita ter conexión.

A tipoloxía das herdanzas dificulta a súa restauración e venda?
Hai algo curioso que ocorre en Galicia ao que se debería adaptar a lei. Todos coñecemos vivendas nas que nunha planta viven os avós, e noutra un fillo coa súa familia. Non hai forma de que esa casa se considere vivenda plurifamiliar, o que sería tamén unha forma de cohousing. Non se crean referencias catastrais diferentes, o que fai que unha unidade familiar poida ter que abandonar a vivenda cando morren, por exemplo, os avós, porque esta estaba ao seu nome. Non hai ningún problema urbanístico nisto, só sobre o papel. Debería permitirse na lei, porque tamén provoca que as persoas teñan que irse do rural. 

Comentarios