
A obra Cobiza, da escritora María Reimóndez, é a gañadora da primeira edición do certame literario Pinto e Maragota, que promove a concellería de Igualdade de Pontevedra coa finalidade de normalizar a diversidade sexual a través da literatura.
A novela será editada por Xerais e chegará ás libraría a principios de ano. Trátase dunha distopía que "busca explorar temas como a escravitude ou o xénero dende diferentes perspectivas", en palabras da propia autora. O premio está dotado con 3.000 euros.
"É un orgullo ser a primeira gañadora deste premio e ser recoñecida entre as iguais, sempre é un desafío presentar unha novela de xeito anónimo", explicaba esta mañá Reimóndez.
No acto de presentación da novela gañadora estivo presente a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, xunto a unha das integrantes do Xurado, Ana Ojea, coordinadora da Rede Educativa LGTBIQ+, que destacou a calidade das 24 obras presentadas. Da obra gañadora, Ojea salientou "a calidade narrativa e innovadora" e o feito de tratar "moitos tipos de diversidades".
Para Reimóndez, a existencia de premios como este é un impulso para seguir traballando na normalización e nos dereitos das persoas LGTBIQ+. "Como escritora non heterosexual que reflicte estas cuestións nas súas obras sigo vendo cómo se reciben estes traballos por parte da crítica e sei que hai que seguir traballando", indicou.