Sábado. 18.08.2018 |
El tiempo
Sábado. 18.08.2018
El tiempo

María Varela: "O meu primeiro contacto con esta cidade foi nas festas da Peregrina"

María Varela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
María Varela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O primeiro contacto da xornalista do Diario de Pontevedra ca cidade foi na semana grande das festas hai dezaoito anos. "Quero que sexa un pregón cargado de agradecementos a Pontevedra", afirma

Chegou a Pontevedra hai dezaoito anos para incorporarse á redacción de Diario de Pontevedra, onde hoxe exerce de redactora xefa e onde hai un ano gañou o premio de xornalismo Fernández del Riego para artigos en galego. A lucense María Varela lerá mañá, a parti 12.00 horas, o pregón das festas da súa cidade de adopción, á que precisamente coñeceu durante unha semana da Peregrina un ano antes de instalarse. “O meu primeiro contacto con esta cidade foi precisamente nas festas, e recordo que foran moi divertidas –sinala a xornalista–. Tiñamos uns amigos de Pontevedra cos que todos os veráns coincidiamos na Mariña lucense e recordo que sempre interrumpían as vacacións para regresar a Pontevedra esa semana de festas, á que nunca faltaban, e nos falaban marabillas delas. E sempre pensaba, temos que ir...”.

María Varela: "Esta cidade déume moitas cousas e desde o primeiro día que cheguei, fíxome sentir como na miña casa"

Recoñece que cando desde o Concello pontevedrés a chamaron para o acto de apertura das festas quedou “primeiro impactada, porque non o esperaba”.

“Pero síntome moi honrada, claro, e faime moita ilusión”. Despois de case dúas décadas aficada na cidade do Lérez, síntese “unha pontevedresa máis”. Por iso, ten moi claro o que esta mañá desexa transmitir desde o balcón do Pazo de Mugartegui.

AGRADECEMENTO. “Quero que sexa un pregón cargado de agradecemento a esta cidade, unha cidade que me deu moitas cousas –explica–. Que desde o día que cheguei me fixo sentir como na miña casa, moi ben acollida e moi ben recibida. Unha cidade onde ademais puiden desenvolver a miña paixón, que é ser xornalista, e por outra parte onde naceron os meus tres fillos. E gustaríame devolverlle á cidade ese agarimo, todo o que me deu”.

A xornalista: "Quero elevar ao balcón de Mugartegui a todas as persoas que somos de fóra e tamén a todas as mulleres"

E aínda sen olvidar “ten que ser un pregón festivo”, María Varela non quere deixar tampouco pasar a ocasión para falar doutros temas, “sobre todo elevar ao balcón de Mugartegui a todas as persoas que somos de fóra e botamos raíces aquí e tamén a todas as mulleres, nun ano especialmente importante para a igualdade, que está aquí desde hai moito tempo, pero que se fixo máis presente desde o 8 de marzo”. De feito, unha das premisas que tiña o equipo de Festas que lidera a concelleira Carmen da Silva é que a pregoeira tiña que ser unha muller, “e este ano hai moitísimas pregoeiras en todas as festas”. “Para mín entón aínda ten un significado máis importante ler este pregón –engade a xornalista–. Vou a estar nese balcón representando a todas as mulleres. Creo que ler un pregón é unha gran responsabilidade, pero ao mesmo tempo quero que a xente o pase ben, porque estamos comezando a festa. E tentarei que estea a altura dos pontevedreses e as pontevedresas e do que merece esta cidade”.

AS FESTAS. Varela destaca que nestes momentos en que os seus fillos aínda son pequenos goza con toda a programación festiva da semana grande que pode compartir con eles. “Agora mesmo co que máis disfruto é con todo o que ten que ver cos nenos –sinala a xornalista–, a animación de rúa, a Batalla de Flores, os concertos para eles... E unha das cousas que máis me gusta destas festas, e do verán en xeral, é que en cada praza sempre hai unha cousa distinta. Entón encántame ir descubrindo... Pasas unha esquina e aparece algo novo. E logo cos nenos pois gústame tamén visitar as atraccións e animacións infantís”.

Varela: "Unha das cousas que máis me gusta das festas, e do verán en xeral, é que en cada praza sempre hai unha cousa distinta"

Este é o segundo ano consecutivo en que o Concello elixe a unha muller para dar lectura ao pregón, despois de que no 2017 o fixese a empresaria Conchi Pereiro. Carme da Silva destacou que para o Goberno municipal “foi moi importante que María Varela aceptase ser pregoeira este ano. Sobre todo, polas cousas que dixo cando recibiu o Fernández del Riego. Dixo que se sentía orgullosa deste premio pola súa condición de muller e nai; pola súa condición de xornalista, que visibiliza a moitas mulleres da profesión e as poucas que ocupan postos de responsabilidade, e porque era un artigo en galego”.

María Varela: "O meu primeiro contacto con esta cidade foi nas...