Mariano para sempre

Coa mediocridade da dereita actual, é imposible non valorar a Mariano

Alfonso Rueda, Rafa Domínguez, Ana Pastor, Mariano Rajoy y Alberto Núñez Feijóo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alfonso Rueda, Rafa Domínguez, Ana Pastor, Mariano Rajoy y Alberto Núñez Feijóo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

MIÑA NAI non aturaba a Espinete. Argumentaba ela que non tiña sentido que un ourizo puxese camisón para durmir e andase espido polo barrio. Espinete, que por dentro era unha muller (a actriz Chelo Vivares), tiña pouco de pornográfico. O seu creador fabricouno sen aparato reproductor para que aquilo non fora un escándalo. España xa vira tetas e cus de abondo durante o destape da transición, como para que tamén un ourizo dos 80 que debía educar a nenos exhibise as virtudes coas que chegou ao mundo. Aínda así, á miña nai non lle ilusionaba a súa presenza e non lle atopaba sentido a que pululase espido polo vecindario. Alí estabamos os seus fillos papando tele e ela preocupada porque aquelas tolerías de Espinete, Don Pimpón, Ana e o panadeiro Chema nos volvesen máis parvos do que se supuña que xa eramos.

O caso é que o Barrio Sésamo pechou e Espinete e os seus amigos marcharon das nosas vidas. Veu Yupi, que non lle chegaba ás unllas das dedas, e os meus irmáns e máis eu cambiamos de hábitos e pasamos de comer a merenda tranquilamente sentados na cociña da casa diante da ITT de cor que meu pai mercara para ver o Mundial a facelo na rúa mentres andabamos por aí de moinantes.

De socato, un par de ducias de rapaces inundamos os camiños da aldea e convertémonos nun perigo público. Matabamos lagartos, rompiamos prantas e ata ventás a balonazos involuntarios (ou iso diciamos), estragabámoslle o millo aos veciños, roubabamos uvas e, os máis días, algún volvía á casa chorando con feridas de guerra nos xeonllos e os pantalóns rotos. Aquilo non se podía aturar e miña nai empezou a botar en falta o labor social de contención que realizaba Espinete.

Espinete era unha metáfora en previola de Mariano Rajoy. E eu, como bo fillo da Mercedes, estráñoo tanto que o outro día me emocionei ao velo. Mariano e eu temos un amigo común que me relata historias sobre a clase de home que é o expresidente. Anda en bata e zapatillas pola casa mentres le o Marca ou o Diario de Pontevedra sentado no sofá. Un tipo tranquilo, normal, que gobernou con máis moderación da que empregou Aznar diante dun congreso de Riberas del Duero. Pero a pesar de todo iso, nunca me gustou como presidente nin como referente da dereita, porque tiña a impresión de que ía acabar cos piares básicos do Benestar, porque non parecía ter demasiado interese pola existencia dunha cultura propia en Galicia e ademais non lle paraba os pés aos bancos, as eléctricas e as petroleiras nos abusos que cometían contra a cidadanía. Por non falar das ducias de casos de corrupción que sacudían ao seu partido, claro.

Porén, con achaques, o país ía fluindo con Mariano, que ademais nos deleitaba de vez en cando con grandes frases para a historia como a do outro día no seu mitin en Pontevedra. "Representamos a los españoles, sean quienes sean, quieran lo que quieran, vayan a donde vayan, siempre que vayan a donde quieran". ¡Maxistral, Mariano!

Agora que chegou unha dereita máis á dereita e menos preparada, cargada de odio e populismo, perigosa, e vendo o panorama de mediocridade na política nacional, un valora a Mariano, imaxina os equilibrios que tivo que facer en Génova para conservar o poder e esquivar as balas, para contentar aos homes fortes do partido, os grupos de presión e gobernar.

Agora que Sánchez, Casado, Rivera e Abascal van por aí, como iamos nós de nenos, de moinantes, buscar o conflito para o seu beneficio, un demanda como nunca que volva Mariano para sempre.