Marina Hermida: "Non son capaz de imaxinar a miña vida sen música"

A pontevedresa acaba de sumar outro galardón ao seu curriculum. Tiña recibido xa un Premio Extraordinario nas Ensinanzas Artísticas en 2016 como alumna de violín. Agora ten outro como alumna de viola de gamba Membro do Dúo Fírveda, nestes momentos estuda en Alemaña

Marina Hermida tocando na Casa das Campás. RAFA FARIÑA (ARCHIVO)
photo_camera Marina Hermida tocando na Casa das Campás. RAFA FARIÑA (ARCHIVO)

Estudando na Hochchule für Musik und Tanz Köln, "a facultade de música e danza de Colonia", recibíu Marina Hermida (Pontevedra, 1999) a nova de que se volveu facer co Premio Extraordinario nas Ensinanzas Artísticas Profesionais, que concede a Concellería de Cultura (850 euros). Membro do dúo Fírveda (acordeón e violín), xunto a Nerea Rodríguez, "aínda que nestes momentos o temos aparcado polos meus estudos en Alemaña", Hermida, que se formou no Conservatorio de Música Manuel Quiroga, segue recibindo recoñecementos ao seu traballo.

Que supón para vostede recibir este novo galardón?

Igual que a outra vez eu recíboo como un recoñecemento ao esforzo que fai unha estudante de música. Agradézoo moito porque en Galicia ten moi pouca visibilidade e moi pouca axuda poñerse a estudar música.

No seu caso é ademais o segundo que recibe: tivo un como alumna de violín, agora este como alumna de viola de gamba e ten ademais un Premio Nacional al Rendimiento Académico. Alumna aplicada onde as haxa.

(Ri) Si, si, estou moi orgullosa.

Supoñen realmente un impulso estes premios ou son máis que nada simbólicos?

Depende de como se mire. A cantidade que che dan sempre axuda se precisas pagar unha matrícula ou mercar algún instrumento ou algo así. Pero, se son sincera, eu non o entendo como un impulso aos estudos. Quero dicir que non depende dos premios que eu siga formándome. Pero si que recoñezo que é algo que te motiva un pouco.

Bota en falta apoios ás ensinanzas artísticas?

Si, claro, pero en España en xeral a situación cultural non é a mellor posible. Fáltanlle apoios ás ensinanzas artísticas e falta unha aposta contundente pola cultura en xeral.

"A música sempre estivo moi presente na miña casa. Tiña tres anos cando lle dixen a meus pais que quería tocar o violín"

Como foi que comezou vostede a tocar o violín?

A música sempre estivo moi presente na miña casa. O meu pai é afeccionado á música e o meu irmán, que é catro anos maior ca min, estuda piano. Dende pequeniña sempre me chamou moito a atención. Tanto como que foi aos tres anos cando lle dixen a meus pais que quería tocar o violín. Ninguén me dixera nada, nin me intentaron convencer... Decidino eu soa. Un ano despois mercáronmo e comecei a estudar música.

E seguíu con el.

Si, seguín. Só houbo un ano no que a presión me levou a pensar en deixalo, pero non o fixen e aquí estou.

E polo camiño incorporou tamén a viola de gamba.

Si. Porque cando xa estaba estudando no Conservatorio, meu pai empezou a tocar un instrumento de música antiga, frauta de bico. Fun a unha audición e aí, con nove anos, foi cando escoitei por primeira vez a viola de gamba. Gustoume e díxenlles a meus pais que tamén quería aprender a tocala. Encántame, aínda que agora mesmo estou máis centrada no violín.

Como foi que creou con Nerea Rodríguez o Dúo Fírveda mesturando dous instrumentos como o violín e o acordeón?

Iso foi cousa de Nerea, que lle comentou un día a meu pai, hai un par de veráns, que quería facer un dúo con violín. Buscaba a alguén interesado e meu pai foi quen a remitiu a min. Fixemos un primeiro ensaio xuntas, vimos que podían saír cousas moi chulas e tiramos para adiante. Foi unha experiencia moi guai.

Que diría que significa a música para vostede?

Uf, non sei dicir que significa para min. Unha profesión, unha paixón... Non son capaz de imaxinar como sería a miña vida sen música. Levo toda a vida tocando e facendo música. A ver, podo imaxinala, pero sería unha vida bastante peor seguro. Nin se me pasa pola cabeza deixar de estudar. Agora mesmo o que quero é rematar a carreira.

Que tal a experiencia en Alemaña?

De momento ben. Colonia é unha cidade que me gusta moito e o nivel das clases na facultade é moi alto. Estou moi contenta.