jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

Mariña Maceiras: "O segredo é escribir moito e, sobre todo, que che guste o que escribes"

Mariña Maceiras Segovia, estudante do Sánchez Cantón, na biblioteca do instituto. GONZALO GARCÍA
Mariña Maceiras Segovia, estudante do Sánchez Cantón, na biblioteca do instituto. GONZALO GARCÍA
Poesía, contos, microrrelatos, narrativa... Nada se lle resiste a esta rapaza que acumula oito premios literarios nos últimos nove meses e case outros tantos desde o seu debú nun certame, con só dez anos

A PIQUES de cumprir os 15 anos, Mariña Maceiras (Santiago, 2005), estudiante de 3º da ESO no IES Sánchez Cantón, vén de gañar o XXIX Concurso de Cuentos Noble Villa de Portugalete, na súa categoría, pola obra Están preocupados. Empeza o ano igual que rematou o 2019, co primeiro premio no II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, pola peza Unha fraga de laios, da que o xurado destacou "a delicada inxeleza dos seus versos, o realismo e a emotividade destes e a chamada ao espertar das conciencias que supoñen na súa aposta ecopoética". E así ata oito premios, case todos primeiros, nos últimos nove meses, desde o Certame de Microrrelatos de Vilalba ao Certame Literario do Concello de Ames ou o Ben Veñas Maio, pasando polo concurso de microrrelatos de medo do Samaín convocado no seu instituto. A súa primeira victoria foi en 2015, con só dez anos, nun certame poético convocado no CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela, onde estudou Primaria antes de mudarse a Pontevedra.

Cal é o segredo para este éxito?
Escribir moito, porque canto máis teñas escrito máis tes para escoller para os certames. E, sobre todo, que che guste o que escribes.

Cando empezou a escribir?
Desde moi pequena. Non lembro ningún acontecemento que me marcara. Foi desde sempre.

Narrativa, poesía... Abrangue todos os xéneros literarios?
Facía algún poema de vez en cando, pero en 5º tivemos que facer unha poesía sobre unha receita. Miña nai [a profesora universitaria e escritora Lourdes Maceiras] díxome que era moi boa e presenteina a un concurso e gañei. A partir de aí fixen máis.

"Intento non pedir opinión. Escribo sobre todo para min. Se á xente lle gusta, moi ben; se non, que se lle vai facer?"

Escolle entre a súa produción para concorrer a certames ou crea a propósito para cada convocatoria?
Escribo moito e se atopo algún concurso cunhas bases acaídas presento algo xa escrito e, senón, creo algo novo.

Nos últimos cinco anos suma nove primeiros premios, tres terceiros, dous accésit e un finalista. Presentouse a algún outro do que saíra coas mans baleiras?
Soamente tres.

Ciencias ou Letras?
Ciencias. Aínda que se me dá ben compoñer, cústame máis que as ciencias. Quero facer Medicina.

A escritura quítalle moito tempo?
Eu son moi falangueira e cando non podo facer outra cousa, invento. Ás veces non escribo, pero queda aí a idea. Miña nai anímame a escribir e tiro desas ideas. É máis ter imaxinación e ir tirando do fío a partir de cousas cotiás.

Que tipo de literatura prefire?
Gústame moito ler. Case de todo, agás de medo. E que non falte o humor.

Le e escribe en todos os idiomas?
Leo, sobre todo en galego e castelán, aínda que non me gusta nada a poesía en castelán. Será porque os sentimentos os expreso mellor en galego, é algo máis privado. Leo algo en inglés e teño que comenzar co francés.

Algún autor ou autora de referencia a quen lle gustaría semellarse?
Gústanme as clásicas: Enyd Blyton, Agatha Christie... Algunhas cousas de Anxo Fariña, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo... Non son moito de ler por autores, prefiro ler unha boa historia independentemente de quen sexa.

É de ir a obradoiros de literatura ou máis ben autodidacta?
Fun algunha vez. Axudáronme a fomentar o que xa sabía escribir e a partir de aí creei relatos cos que si teño gañado.

Ten algo publicado?
Por agora, os relatos gañadores en libros colectivos, pero agora teño un proxecto moi serio dun libro de poesía, só meu. A idea é que saia en 2020, polo menos deixalo rematado. E tamén teño unha idea para unha novela.

Pide opinión das súas obras antes de presentalas aos certames?
Intento non pedir opinión, eu escribo sobre todo para min. Se á xente lle gusta, moi ben. E se non, que se lle vai facer?

Cal sería o seu premio soñado?
O Xerais. Téñolle moitas ganas.

Mariña Maceiras: "O segredo é escribir moito e, sobre todo, que che...
Comentarios
ç