Os mariscadores, preocupados pola mortaldade da ameixa

O Concello comprométese a establecer algunha vía de colaboración coa Cofradía de Pescadores de Arcade
Reunión celebrada este martes no Concello. DAVID FREIRE
photo_camera Reunión celebrada este martes no Concello. DAVID FREIRE

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co edil responsábel da parroquia de Ponte Sampaio, Raimundo González, recibiron este martes nas dependencias do Concello á Confraría de Pescadores de Arcade, onde están integrados os mariñeiros da nomeada parroquia, e da Asociación de Mariscadoras de Arcade, que conta con máis de vinte socias con residencia en Ponte Sampaio.

Ao longo da xuntanza, os dous colectivos puideron poñer ideas en común e transmitir as súas inquedanzas aos representantes do Goberno local. González indicou ao remate da sesión que un dos asuntos expostos foi a elevada mortaldade da ameixa, unha inquedanza pola que o Concello se comprometeu a traballar "nalgunha vía de colaboración" para axudarlles a rexenerar os bancos de ameixas, se ben o edil pontevedrés lembrou que xa se teñen realizado accións semellantes no pasado dentro deste eido.

Preocupación pola antiga fábrica de Pontesa

Os colectivos tamén amosaron a súa preocupación pola situación na que se atopa a antiga fábrica de Pontesa, na que se rexistrou hai uns meses un grave incendio. Segundo o transmitido por pescadores e mariscadoras, as choivas arrastran e levan ata o mar os zudres que aínda están dentro da vella factoría. Por iso o Concello comprometeuse a volver facer inspeccións por parte da Policía Local e comprobar esta problemática.

Comentarios