jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

DIRECTORA DE ESCENA

Marta Pazos: "A vida cultural de Pontevedra tamén conformou a miña ollada como artista"

Marta Pazos. PEPE FERRÍN
Marta Pazos. PEPE FERRÍN
A directora artística, escritora de teatro e actriz levou o premio Pontevedreses do Ano na categoría de Cultura

AS SÚAS OBRAS teñen acadado éxito internacional dende que en 2007 fundara a compañía de teatro Voadora. As súas obras chegaron a países como Brasil, Mozambique, República Checa, Francia ou Portugal. Porén, Marta Pazos (Pontevedra, 1976) comezou estudando Belas Artes en Barcelona e montou un estudio de pintura. Pechouno en 1999 e comezou a dirixir teatro. As súas obras téñense representado no Centro Dramático Nacional, no Centro Dramático Galego ou no Festival de Almagro. Na actualidade, a súa compañía prepara a estrea dunha ópera o 10 de novembro, A Amnesia de Clío, e a obra Siglo mío, bestia mía, con texto de Lola Blasco, en colaboración co Centro Dramático Nacional. Esta última presentarase no mes de abril.

É a gañadora do premio Pontevedreses do Ano na categoría de Cultura. Profeta na casa.
É un agarimo moi importante para min. Dise que ninguén é profeta na súa terra, pero na miña danme un premio coma este. É moi importante.

Conseguiu vivir do teatro, que dende fóra parece complicado. Como foi iso?
Eu non tiña esa percepción e entón tomeino como algo natural. Foi un transcurso moi natural. Nunca vivín o contacto coa arte como algo relacionado co esforzo, senón co pracer. Isto foi un camiño totalmente cheo de moito pracer e descubertas. Para min, a arte e a vida son a mesma cousa, non é o meu traballo, é o que eu son. Son unha persoa privilexiada por gañar a vida levando a cabo as miñas capacidades e o meu talento, iso non acontece sempre, hai moita xente que non pode vivir do seu talento, que se adica a el no seu tempo libre. Eu sinto gratitude porque toda a miña vida, as miñas relacións e vivencias están relacionadas coa escena.

Co teatro e coa compañía da que é fundadora (Voadora), fíxose co Premio da Crítica Galega e tres premios María Casares

Vostede estudou Belas Artes, xa tivera contacto co teatro antes ou chegou despois?
Apareceu despois. Si que era unha grande espectadora de teatro dende a miña xuventude. Recordo ir ao Teatro Malvar ao ver ao Centro Dramático Galego ou a ver no Teatro Principal a compañías como Atlántico e Sarabela, que logo coñecín moi de preto. Pontevedra sempre foi unha cidade culturalmente moi axitada e iso formou a miña ollada como artista. Logo, mentres estudaba Belas Artes en Barcelona, entrei en contacto de novo co teatro a través dun traballo sobre a ficción e a realidade na performance. Entón empecei a investigar sobre as mulleres artistas dos anos 60 e así cheguei ao teatro con ganas de experimentar nas miñas propias carnes o que estaba estudando. O primeiro que fixen tivo que ver co estudo, pero pouco a pouco foi collendo máis intensidade ata que pechei o meu estudo de pintora para adicarme ás artes escénicas. Iso foi no ano 1999, cando volvo a Galicia dende Barcelona. Tamén estivera de Erasmus en Boloña e aquela experiencia marcoume moito. Unha vez que me decidín a dedicarme ao teatro foi moi natural.

Estamos moi acostumados a velo todo a través de pantallas. Iso é unha vantaxe ou unha desvantaxe para o teatro?
Eu penso que o teatro, que ten unha historia de 2.000 anos, persiste precisamente pola súa conexión co público e porque é unha cousa irrepetible. E claro que o teatro ten que evolucionar porque tamén os espectadores e espectadoras o fan, non teñen a mesma ollada agora que antes de que aparecese Internet. Penso que é unha experiencia de humanas ollando para humanas. A min tamén me engancha moito a experiencia escénica por ese motivo.

"O teatro, que ten unha historia de 2.000 anos, persiste pola conexión co público e porque é irrepetible"

Dende a posta en marcha da compañía de teatro Voadora, cal é o traballo do que máis orgullosa se sente?
É unha pregunta moi difícil de contestar, porque é como se che preguntasen cal é o teu fillo favorito. Cada espectáculo deixa unhapegada grande tamén na miña vida, aprender moitas cousas. Por exemplo, fixemos un traballo sobre o transxénero, O soño dunha noite de verán, que foi moi marcante polo feito de estar en contacto con todo este mundo descoñecido para nós. Garage foi un espectáculo que tamén nos marcou pola relación coas mulleres do sector metal que traballaban en empresas de Vigo. Ademais presentámolo no Centro Dramático Nacional e pasou tamén por Francia. Estes son dous proxectos que bateron moito en min porque supuxeron estar moi preto desas realidades para facer fantasía. É un xeito de non deixar de pousar os pés na terra. Non podo dicir que sexan favoritos, porque todos o son, pero si que deixaron pegada en nós.

Entón foi importante o trato e contacto coas persoas.
Si, claro. Para min a fortuna de traballar na escena é esa, que é un traballo que non fas ti soa, senón que o fas en equipo e é apaixoante as persoas que vas atopando e vas coñecendo grazas ao teu traballo. A vibración coa que se traballa é altísima e iso encántame. Estamos nun ecosistema que favorece a intimidade e poder coñecer ás persoas de preto, pasamos moitas horas xuntos, viaxamos xuntos... Non estás nun contexto dun traballo do que sae, vas para casa e desconectas, son proxectos moi inmersivos, por iso se viven cousas que son dificilmente esquecibles.

"O soño dunha noite de verán e Garage foron dous espectáculos que bateron moito en min"

Foi actriz, guionista e directora de teatro. En que papel se sente máis cómoda?
Xa hai anos que eu me considero unha directora de escena que ás veces escribe ou actúa. É aí onde me sinto máis cómoda é tamén coa escenografía, aínda que me sinto cómoda tamén traballando con outros escenógrafos.

"Faime especial ilusión facer unha época en Galicia e cun equipo galego"
A súa compañía ten presentado xa máis dunha ducia de pezas, con premios e xiras incluídas. En que está traballando agora mesmo?
Agora estamos a punto de estrear A Amnesia de Clío, unha ópera contemporánea que estamos facendo a partir dun libreto de Fernando Epelde e dunha partitura de Fernando Buide, ambos os dous creadores contemporáneos. Estrearémola o vindeiro 10 de novembro coa Real Filharmonía de Galicia. É un proxecto moi importante porque non só estou traballando como directora de escena, senón tamén como escenógrafa e a miña compañía, Voadora, é a produtora da obra. Isto supón meternos noutro espazo que non coñeceramos. Eu xa dirixira ópera para o Teatro Real en coprodución co Teatro Lliure de Barcelona, pero faime especial ilusión facer esta ópera en Galicia e cun equipo galego.

Marta Pazos: "A vida cultural de Pontevedra tamén conformou a miña...
Comentarios