Martini axitado ou revolto, pero na casa

Por que non tomar un gin tonic na casa? Por que non un 'mojito'? Por que non facer unha cata de viño virtual? Se os restaurantes reparten comida a domicilio, os negocios de copas tamén buscan reinventarse neste confinamento
Luis López Rodiño, do bar Hama (655314117), puxo en marcha un servizo
de coctelería a domicilio repartindo packs. Funcionou tan ben que é seguro
que o manterá despois do confinamento. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera Luis López Rodiño, do bar Hama, puxo en marcha un servizo de coctelería a domicilio repartindo packs. Funcionou tan ben que é seguro que o manterá despois do confinamento. DAVID FREIRE (ADP)

"O Dry martini que pide James Bond está cheo de curiosidades. Por exemplo, a primeira vez que o pide na súa saga, en inglés pídeo mal, shaken, not stirren, pero cando o traduciron ao castelán corrixírono, imaxino que sen querer, cun mezclado, no agitado", conta Luis López Rodiño, propietario e barman do Hama de Pontevedra, un local especializado en coctelería. "É un trago forte, heavy, para saborear lentamente, que leva nove partes de xenebra ou vodka por unha parte de vermú seco". Coa explicación, López Rodiño demostra unha premisa que lle gusta repetir: o coñecemento profundo do que se está a facer é unha das claves para elaborar un bo cóctel. Foi por iso que, cando o barman cando puxo en marcha un servizo de coctelería a domicilio durante a corentena, incluíu en cada pack, ademais dos ingredientes para elaborar a copa, unha receita pormenorizada de como se debía facer.

"Nós puxemos a funcionar o Hama xa nunha época moi complicada, 2008, en plena crise", lembra, antes de contar que esta alerta sanitaria os pillou nun momento dóce para o negocio, que viña de trasladarse a un local máis amplo e ampliar o seu horario a sesións vermú. "Cando chegou o coronavirus comezamos a romper a cabeza con como poder seguir ofrecendo servizo aos clientes. E ocorréusenos isto: ofrecerlle packs a domicilio para que eles puidesen elaborar cócteles e copas". A iniciativa chamouse Hama na casa.

PREZOS. Os packs que ofrece López Rodiño (655314117) inclúen, non só as bebidas para a mestura en cuestión, senón tamén ingredientes como froitas ou azucre, os utensilios que se necesitan, incluídas as copas, e a receita. Os prezos di que van dende os 30-35 euros que, por exemplo, custan os packs de gin tonic estándar, caipirinha e mojito, ata os 60 ou máis dos combinados premium. "Pero con cada pack poderíase elaborar, de media, dez cócteles. Penso que sae moi ben". Serven en Pontevedra, Marín e Poio. "E a través de mensaxería, en toda Galicia".

A proposta funcionou e Hama non deixou de traballar. "Ofrecemos packs predeterminados para elaborar todos os cócteles máis coñecidos, pero tamén nos adaptamos ao que nos pida o cliente", indica o barman. "Ademais tamén enviamos o necesario para facer, por exemplo, cócteles sen alcohol, no que caso de que se queira preparar combinados para a rapazada ou para persoas que non beben alcohol, que é algo que cada vez ten máis demanda", conta. "A verdade é que estamos moi satisfeitos con como funcionou a proposta, que está claro que veu para quedar. É seguro que a manteremos xa de aquí en adiante. Quizais, ata ampliada".

A Jacobo Rivas, do Envero, ocorréuselle organizar catas virtuais as fins de semana. CEDIDA
A Jacobo Rivas, do Envero (https://www.facebook.com/vinotecaenvero), ocorréuselle organizar catas virtuais as fins de semana. O viño lévanllo ao cliente á casa e despois conéctanse por Zoom. Agora mesmo tenas completas e está pensando en amplialas cun pack de viño e cea. |FOTO: CEDIDA]
 

Tamén espera ampliar as súas catas virtuais a viñoteca Envero. "Estamos dándolle voltas á idea de montar un pack de viño e cea, si". A Jacobo Rivas ocorréuselle poñer en marcha esta iniciativa practicamente no mesmo momento no que comezou o confinamento. "A idea era seguir en contacto cos clientes, seguir ofrecendo servizo", explica. "Pensamos que podiamos facer e puxemos en marcha isto. Informamos a través das redes sociais [Facebook e Instagram], ti apúntaste á cata e recibes na casa os viños que se van degustar. Despois, conectámonos a través dunha aplicación, Zoom, e facemos a cata". Segundo di, a reacción da xente foi moi boa dende o principio. "De feito, agora mesmo témolas completas. Estamos súper agradecidos. A verdade é que son experiencias moi divertidas. Facémola mentres ceamos cada un na súa casa e pasámolo en grande".

Outra cousa son os beneficios económicos. No caso da viñoteca, polo momento, non os está dando. "Quen sabe se, sen querer, inventamos un modelo de negocio novo, pero é certo que, por agora, economicamente apenas lle sacamos nada, o prezo do viño para amortiguar os pagos e punto, pero emocionalmente deunos a vida", conta Jacobo Rivas. "Axudou a que nos sentiramos útiles, mantívonos ocupados e devolveunos un montón de agarimo da xente. Nun momento como este, a resposta que tivemos foi incrible".

Para o empresario, a situación levounos a crear un vínculo especial cos clientes. "Dalgunha maneira, todos isto levounos a apoiarnos uns aos outros".

Comentarios