Mary Camiña: "A nosa candidatura ten moi claro que é o que necesitan os galegos"

Na súa primeira aventura en clave política, Camiña compaxinará a súa presenza nesta candidatura coa lista municipal coa que Somos En Marea Sanxenxo tratará de lograr representación na Corporación local. No Senado, tocará "loitar por Galicia"

Mary Camiña, candidata de En Marea ao Senado por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Mary Camiña, candidata de En Marea ao Senado por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A FALTA DE pouco máis dunha semana para que as urnas falen, En Marea respira optimismo. Polo menos, esa é a sensación que transmite Mary Camiña. A número un por Pontevedra na lista para o Senado amósase confiada en que a súa formación consiga o número suficiente de votos para ter representación propia nunha Cámara cuxa importancia non é unha cuestión secundaria. "Aí é onde realmente podemos loitar na defensa da territorialidade do país", asevera. Ademais, Camiña desfaise en eloxios hacia os compoñentes dunha lista que é afína Luís Villares e que contan con experiencia no que a traballo en colectivos se refire.

Esta é a súa primera experiencia no ámbito político. Que destacaría desta lista que lidera?

Eu deste proxecto destacaría por riba de todo que somos persoas que vimos de colaborar e traballar en diferentes ámbitos. Contamos con xente que xa estivo en política e outros que empezamos de cero, como é o meu caso. De todos os xeitos, o que temos tamén moi claro é que somos persoas vencelladas en distintos momentos a diferentes asociacións, colectivos ou sindicatos, polo que sabemos perfectamente que é o que pide a sociedade. A nosa candidatura sabe o que os cidadáns galegos precisan.

Cales son os eixos nos principais nos que fan fincapé nestas campaña previa ás eleccións xerais?

Unha das nosas metas fundamentais vai ser reivindicar o feminismo e a igualdade. Tamén lle daremos moito protagonismo á cuestión mediaombiental. Esten son algúns dos nosos pilares. Tamén queremos dar un pulo ao cambio en Galicia. Non nos vale de nada liderar unha candidatura na que non se esixan melloras para a nosa Comunidade Autónoma, tanto a nivel orzamentario como outras necesidades específicas. Os galegos precisamos de moitas cousas das que agora mesmo carecemos por completo e iso ten que cambiar.

Os últimos catro anos foron moi convulsos, con moción de censura incluída. Ata que punto puido afectar iso á atención que se lle prestou a Galicia?

Galicia estivo nun segundo plano, iso é incuestionable. Nos últimos Os Orzamentos do Estado as cantidades económicas para a nosa comunidade foron un 40% máis baixas do habitual. Cuestións tan importantes como a situación de Alcoa ou o saneamento da ría de Pontevedra non se tiveron en conta en ningún momento. E isto a pesar de que a Unión Europea avisou en varias ocasións de que podería haber sancións se non se mellora esta cuestión, de momento todo segue igual. En clave local, falando de Sanxenxo, tamén depende de Costas do Estado a rexeneración dunar da Lanzada, da que non hai ningún tipo de novidade desde hai bastante tempo, por desgraza.

Esta campaña é moi peculiar, porque practicamente se solapa coa corresponde ás eleccións municipais. Como valora este feito?

Hai que ter moi claro que as eleccións xerais son para esixir a Madrid o que necesitamos en Galicia. As do 26 de maio son cuestións máis locais. En todo caso, nós pensamos que non deben solaparse, senón que poden complementarse unha coa outra.

E non lle preocupa que os problemas internos que houbo no seo de En Marea nos últimos tempos poidan xerar dúbidas nos votantes?

Realmente non, porque a nosa candidatura non cambiou, seguimos sendo En Marea desde o principio. É unha cuestión que non nos preocupa en absoluto, temos moi clara a nosa liña de traballo.

Cando se fala dos organismos e nas institucións dá a sensación de que o Senado sempre está en segundo plano. O interese parece centrarse na composición do Congreso e do Goberno. Como lle explicaría aos cidadáns a importancia que supón elexir aos representantes para esta Cámara?

Esa situación a verdade é que non me sorprende demasiado. De feito, é bastante lóxico que a xente pense así, porque ata o de agora a representatividade territorial que debería ter non a tivo. Por unha razón ou outra, si que é verdade que a moita xente lle daba a sensación que ao Senado só iban a parar todos aqueles políticos que non podían ter oco noutras institucións ou que xa tiveran unha carreira noutros ámbitos. Pero para nós é moito máis importante, por iso estamos facendo moito fincapé na necesidade de que esta imaxe ten que ser cambiada por completo. En Marea ten moi claro que o Senado ten a capacidade de propoñer leis ou de modificalas. Aquí é onde realmente se defende a territorialidade do país, por iso o consideramos tan importante.

Para finalizar, atrévese a realizar un pronóstico sobre cal será o resultado que conseguirá En Marea nas eleccións do vindeiro 28 de abril?

Penso que un bo resultado para nós sería acadar os votos suficientes para conseguir ter representación propia no Senado. Persoalmente, paréceme unha cuestión clave para que poidamos defender os intereses de Galicia de xeito efectivo. Evidentemente, nós somos realistas e temos moi claros que este ten que ser o noso obxectivo principal e para iso estamos a traballar duro.

Comentarios