Ducias de animalistas marchan polo centro para pedir a abolición da caza

Os Palleiros, que convocou a manifestación, indicou que cada ano se mata a 200.000 raposos

Ducias de persoas marcharon este domingo polas rúas de Pontevedra para reivindicar a abolición da caza e máis da coñecida como Ley PPP, que regula a tenencia de cans considerados perigosos. Convocados pola protectora Os Palleiros, persoas -e tamén cans- asistiron a unha manifestación que partiu da Praza de España e percorreu as rúas do centro da cidade. A marcha formaba parte dunha convocatoria máis ampla, a nivel estatal, para protestar pola fin das actividades cinexéticas e á mesma uniuse a formación política Pacma.

No manifesto que se leu ao final do percorrido, a organización lamentou que durante a tempada de caza, "una práctica arcaica, sádica y sangrienta", se acabase coa vida de máis de 30 millóns de animais en España, segundo cálculos de Pacma. Do mesmo xeito, fíxose especial fincapé na caza do raposo, unha modalidade especialmente polémica cuxos campionatos foron sabotados por animalistas nas últimas semanas. Os Palleiros indicou que 200.000 raposos perden a vida a causa da actividade cinexética en cada tempada.

Por outra parte, os animalistas denunciaron outra realidade paralela á caza: o abandono e maltrato de cans que serven a axuda para esta actividade. Así, o colectivo lamentou o aumento de abandonos de cans que se producen despois da época de caza e sinalou que "el Seprona calcula que el 40% de los perros que sufren maltrato son de cazadores".

Outro dos motivos polos que protestaban este domingo os animalistas era pola Ley PPP, "una norma injusta, absurda, nada clara y totalmente ineficaz". Baixo o lema "no es la raza, es la educación", os asistentes á protesta queixáronse da que consideran unha norma que discrimina a determinadas razas de cans polo seu aspecto físico. "Lo fundamental debería ser concienciar para la tenencia responsable de cualquier tipo de animal", explicaron os animalistas no seu manifesto.

Ademais, na protesta do domingo pedíase unha lei de protección animal "eficaz" que protexa a todas as especies do maltrato, "porque actividades como la caza o la tauromaquia son también maltrato animal", remataron.

Comentarios