Un máster con emprego seguro

UVIGO► Cun 100% de inserción laboral, o Mestrado en Comunicación en medios sociais e creación de contidos dixitais, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais, é o segundo máis demandado de toda a Universidade. Docentes e estudantes explican en segredo
(3G8A7903.JPG) Ciencias Sociais Reportaxe doMaster Universitario en Comunicacion en Medios Sociais e Creacion de Contidos Dixitais con Alberto Dafonte Xabier Rolan e tres estudantes10468
photo_camera Xabier Martínez e Alberto Dafonte, en primeiro plano, e Niri Rodríguez e Esduardo Expósito, en segunda. DAVID FREIRE

Cun 114% de taxa de matrícula, o Mestrado en Comunicación en medios sociais e creación de contidos dixitais (http://mastersocialmedia.webs.uvigo.es/) é o favorito do campus de Pontevedra e o segundo de toda a Universidade de Vigo, moi preto do primeiro, Enxeñería da Automoción (Vigo), co 120%. En setembro empezou a súa quinta edición coas 25 prazas cubertas e a habitual lista de espera.

O profesor Alberto Dafonte foi o seu primeiro coordinador. "Apostamos por esta especialización, que non existía como tal no Sistema Universitario de Galicia". Cinco anos despois confirmouse que había tal demanda. "De feito, agora mesmo no Sistema Universitario Español segue sendo unha titulación bastante única", apunta o actual coordinador, Xabier Martínez Rolán. "O rexistro de máster oficial é moi importante e non hai tantos". Este selo permite continuar estudos de doutoramento, algo que non é posible cun título propio que expiden máis universidades, e supón uns requisitos máis estrictos en cuestión de calidade.

"Os chavales, aos seis meses de facer o máster están traballando todos"

"Temos case catro veces máis solicitudes que prazas, algún case cinco", apunta Rolán. "Este ano foron 86 para 25". Por iso os requisitos están pensados para que se matricule xente "que realmente está interesada e encaixa co perfil de alumnado que despois vai demandar o mercado laboral". Ao fin e ao cabo "é un máster profesionalizante". De feito, destaca a taxa de inserción laboral, do 100%. "Os chavales, aos seis meses de facer o máster están traballando todos. É moi habitual que as prácticas, que son unha materia obrigatoria de 180 horas do propio mestrado, se traduzan nun contrato laboral". Moitos mesmo son "fichados" polos propios docentes externos para as súas empresas".

Dáse a circunstancia de que este é un "sector en crecemento", con empresas "en plena expansión" e o perfil do alumnado "encaixa" con elas. O proceso de selección entre estudiantes y empresas "é mutuo", por iso ao coordinador de prácticas, Juan Manuel Corbacho, lle chaman "o Tinder do máster", pois "fai match entre candidatos e empresas". Pero "funciona, os datos están aí".

As principais firmas do sector en Galicia, desde axencias de publicidade ao Cluster de Comunicación, teñen convenios de prácticas co mestrado. "Hai que estar aí -subliña Dafonte-. Mesmo en eventos sociais, como os Premios Paraugas ou o congreso Flúor". "O mercado é pequeno e coñecémonos todos", apunta Rolán. "Se queres conectar Universidade e empresa non chega con botar un speech na clase. Hai que falar coas empresas e saber o que demandan, porque iso permítenos facer pequenos reaxustes" na programación ou mesmo buscar os perfís de docentes máis axeitados.

Máis da metade do profesorado -non así en volume de horas- procede de firmas do sector, mentres que o resto é da propia Universidade da Uvigo. "Combinamos os dous perfís", agás nunha materia. Os docentes externos enriquecen o mestrado e case sempre repiten dun curso para o outro, agás que cambien de sector ou non superen o proceso interno de calidade.

Na formulación inicial do mestrado, lembra Dafonte, a decisión de limitar o número de prazas a 25 foi "totalmente consciente" para "non saturar" o mercado.

Por un criterio económico podería "encherse unha aula con cen persoas" e por demanda tamén, "pero non nos parece que desa maneira poidas ofrecer un tipo de formación especializada que require un máster. Amplialo un pouco? Quizais nun futuro... Non podemos dicir que non, pero de entrada é unha cifra que garante que se poida desenvolver a docencia nunhas condicións óptimas".

Rolán admite que é unha cuestión "que sae todos os anos" á hora de dicirlle á Xunta cantas prazas se ofertan. "Pero é un debate de pouco percorrido, porque somos conscientes de que limitar o número de persoas tamén vai facilitar unha atención máis personalizada", o que repercute na calidade da docencia, algo que non se quere poñer en risco.

De aí que a elección dos estudantes se axuste tamén a esta filosofía e que, ás veces, a lista de espera non se axuste exactamente á realidade da demanda. "Hai que ter en conta que o normal é que os estudantes fagan preinscricións en varias opcións e logo decide".

O máster non pon barreira de entrada, apunta Rolán. "Se vés de Arquitectura ou de Odontoloxía, podes solicitar praza, non imos a dicir non por non ser da nosa área de coñecemento", aínda que os candidatos se enfrontan a un baremo no que se analiza a súa formación previa. Como é un campo de especialización "moi selectivo, pero tamén moi poliédrico", que se pode aplicar transversalmente a moitas ramas de coñecemento, "ás veces tamén enriquece ter a xente que non é da nosa área, que achega outra visión".

DOUTROS PAÍSES. É o mesmo enriquecemento que achega o feito de que boa parte da matrícula sexa doutras nacionalidades e culturas. "Achega outra visión ao grupo, ao igual que alumnado de fóra ,que este ano é case o 40%".

"Dáste conta na aula -apunta Dafonte-. Temos xente que vén de Moda, xente que vén de Filoloxía, de Xornalismo, obviamente de Publicidade e Comunicación Audiovisual, de Empresa, algunha vez de Belas Artes... Só nalgunha materia hai que facer algo de nivelación inicial".

Eduardo Expósito e Niri Rodríguez son dous dos estudantes matriculados este curso no máster e teñen en común non ter saído da facultade recentemente.

"Trabajo como fotógrafo y en pandemia empecé a indagar en la comunicación digital -apunta Eduardo, de 47 anos-. Tenía clientes que, de paso que hacía las fotos de productos, me preguntaban cosas relacionadas con redes sociales. Hice cursos de community manager, posicionamiento web y el año pasado, por el Diario, me enteré de la existencia de este máster. Había estudiado Periodismo y Fotografía y encajaba en mi perfil", explica.

"Y este año", apunta Niri, nacida hai 49 anos en Venezuela onde estudou Administración de empresas, "le dieron prioridad a los compañeros que venían de fuera de España", grazas ás bolsas BEME da Xunta de Galicia. "Compañeros argentinos, uruguayos, brasileños y peruanos vinieron a través de esa beca, por eso el máster este año es más rico en contenido".

Residente en Galicia hai 14 anos (en Meaño) e titulada en Fotografía na Escola Mestre Mateo de Santiago, Niri levaba dous anos intentando lograr praza no mestrado. "Soy fotógrafa de arquitectura y producto, y también soy madre, y los clientes también me pedían algo más en las redes, como a Eduardo. Ahora que mi hijo tiene diez años ya puedo venir a la Universidad otra vez".

Os dous subliñan que "la edad no importa a la hora de uno querer actualizarse y estudiar. No vemos desnivel con los compañeros, nos tratan igual". E hoxe, apunta Eduardo,"se prima la formación continua; siempre hay que ir actualizándose, sobre todo en el mundo digital, que es gaseoso. Lo que vale hoy, mañana ya no".

Comentarios