A "maxia do Nadal" invade os barrios de Pontevedra

Diferentes puntos da cidade xa presumen dos seus orixinais decorados instalados pola concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers
Yoya Blanco xunto ao xogo de globos iluminados e a figura do gnomo con capucha de Papá Noel instalados na Praza da Cítara, nos Salgueiriños. CONCELLO
photo_camera Yoya Blanco xunto ao xogo de globos iluminados e a figura do gnomo con capucha de Papá Noel instalados na Praza da Cítara, nos Salgueiriños. CONCELLO

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, visitou na mañá deste martes algúns dos "alucinantes" decorados de fantasía cos que a plataforma #PonteLovers pretende "inundar da maxia e o espírito do Nadal diversos barrios da cidade". A edil socialista comprobou con agrado "como moitos pequenos se achegaban cos seus pais e nais ata estes espectaculares elementos decorativos, situados en parques e prazas de Monte Porreiro, Amalia Álvarez, Os Salgueiriños, A Parda e o casco vello, para sacarse fotos con eles".

Blanco tivo ocasión de comprobar "a magnífica imaxe que presenta a Praza de Amalia Álvarez despois de que os seus xardíns fosen ocupados por un poboado de elfos con tres casas infantís de entre 350 e 200 cm. de altura e 250 e 200 cm. de ancho, iluminadas tanto interior como exteriormente; valos de madeira, céspede artificial e attrezzo para debuxar os camiños do poboado". A edil revelou que "as propias responsables da cafetería Bloom –situada neste parque– dixeron que os rapaces están encantados coa decoración, que sen dúbida vai animar aínda máis a vida desta concorrida praza".

Poboado de elfos na Praza de Amalia Álvarez. CONCELLO

A concelleira tamén visitou o Parque Damián, no barrio da Parda, que dende a noite deste luns preside un xogo de barco de resina de tres por tres metros, con iluminación e acompañado de áncoras como complemento decorativo, así como a Praza da Cítara, nas inmediacións da barriada de Os Salgueiriños e o colexio Sagrado Corazón, que conta cun xogo de tres globos totalmente iluminados e a figura dun gnomo con carapucha de Papá Noel. Igual de espectaculares quedaron os catro conos pino-abeto de tres e dous metros de altura con iluminación e as dúas setas de gran tamaño –unha unidade de 350 cm. de altura e un 200 cm. de diámetro e outra de 170 cm. de altura e 120 de diámetro–, así como outras pezas iluminadas interior e exteriormente, que se instalaron no parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. "En canto os deixaron colocados, xa había nenos sacándose fotos", subliñou Blanco.

Yoya Blanco xunto ao barco instalado no Parque Damián, no barrio da Parda. CONCELLO

Asemade, os que se acheguen ata a Praza do Marqués de Aranda poderán atoparse coa figura dun reno humanizado, flanqueado por árbores iluminadas con micro-lámpadas de led e fío de led.

A concelleira de Promoción Económica lembrou a súa teima de que a ilusión e a fantasía do Nadal non quede unicamente no centro urbano, senón que se expanda por tódolos barrios da cidade e avanzou que o inminente desembarco de "moitas máis novidades, a través do programa Ponte Xogos e dun concurso de escaparatismo que imos presentar esta mesma semana".

Comentarios