Mayra Andrade e Enredadas, no 15 aniversario de Cantos na Maré

O festival da lusofonía acollerá 15 concertos e unha ducia de actividades na cidade desde o día 13 ata o 15 de setembro
A cantante caboverdiana Mayra Andrade. DP
photo_camera A cantante caboverdiana Mayra Andrade. DP

O Cantos na Maré regresa á cidade de Pontevedra os días 13, 14 e 15 de setembro para celebrar unha décimo quinta edición que acollerá 15 concertos e máis dunha ducia de actividades. As protagonistas dos espectáculos que terán lugar no Pazo da Cultura serán a caboverdiana Mayra Andrade, que actuará o sábado 14, e Enredadas, o proxecto conxunto de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira, que pechará o festival o domingo 15 nun espectáculo ao que se van sumar outras voces da lusofonía.

Mayra Andrade, a estrela caboverdiana, abandeirada do pop tropical e afincada en Lisboa, vén de lanzar o seu quinto álbum, Manga, en crioulo e en portugués. Nel regresa aos sons da música africana do continente (foi gravado en Abidjan e París) coas súas raíces caboverdianas. "Neste traballo traza unha delgada liña que oscila entre o urbano, o afrobeat e a música tradicional do seu país, sinala a organización do festival. Ademais, sinala que colabora Kim Alves, «o famoso multiinstrumentista da illa, canda unha nova xeración de músicos do Occidente africano e o produtor de Costa do Marfil 2B".

A música de Mayra Andrade é "fresca e versátil. Un cóctel onde reformula a súa música materna e explora os sons tropicais. Non somos quen de atopar unha definición exacta do seu estilo, pero a súa música evoca a Cabo Verde, á costa brasileira, e ás zonas desérticas africanas. A súa música soa a verán", comentan os promotores de Cantos na Maré.

O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense no proxecto 'Enredadas: coplas e alalás', que suma para o concerto de peche do Cantos na Maré voces da lusofonía que se unirán a este cuarteto.

Enredadas naceu co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. "Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia", indican desde a organización.

Segundo os promotores do certame musical, "a afinidadade que senten vén dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raíz e de irmandade".

"Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación". Tal e como subliña a organización este certame pretende "atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos". Desde a primeira edición, Cantos na maré conta coa música como gran nexo cultural, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza.

"Tamén haberá novos espazos para desenvolver actuacións por toda a cidade, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois tamén é un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade", conclúen.