Mechas e peiteados para elixir os mellores profesionais no último día da FPBásicaSkills

Participaron sete alumnas e un alumno de oito institutos galegos ►Os gañadores de todas as modalidades coñeceranse este venres
As probas desenvolvéronse no taller de peiteado do IES Montecelo. GONZALO GARCÍA
photo_camera As probas desenvolvéronse no taller de peiteado do IES Montecelo. GONZALO GARCÍA

Moi nerviosos. Así estiveron os oitos participantes (sete rapazas e un rapaz) na competición de Peiteado e Estética do I Campionato Galego de Formación Profesional Básica FPBasicaSkills 2022, que contou con nove competicións e cuxa última xornada se desenvolveu este xoves no IES Montecelo. Está previsto que este venres, nun acto conxunto en Santiago, a Consellería de Educación dea a coñecer ás persoas gañadoras en todas as modalidades.

En conxunto, o estudantado amosou as súas destrezas en dúas competicións de Servizo de Restauración e Xardinaría e Viveirismo, orientadas aos matriculados en programas formativos básicos; e outras sete de FP básica correspondentes cos módulos de Carpintaría e Moble, Artes Gráficas, Electrónica e Electricidade, Mantemento de Vehículos, Peiteado e Estética, Agroxardinaría e Floristería. Esta última tamén tivera lugar no IES Montecelo a semana pasada.

Entre eles participou, este xoves, Naiara Ameal, alumna de FP Básica de Peiteado e estética do instituto anfitrión que xa lograra un bo posto nas GalicianSkill do ano pasado. A súa titora, Patricia Diz, apuntou que a rapaza, veciña de Moraña, estaba "moi nerviosa" durante as probas, pero que nestes últimos meses medrou a súa motivación e está animada a seguir formándose en Peiteado, polo que seguirá co ciclo medio.

XURADO. A competición de Peiteado e Estética consistiu en tres probas distintas que foron avaliadas por un xurado composto por nove persoas e dirixido por Rosa María Freire. Oito delas son as titoras das participantes, ás únicas que non poden valorar. As alumnas participantes nesta final foron Yoana Naya (CIFP Someso), Yolanda Argibay (CPR Salesianos A Mercé), Aya Menai (CPR Santo Cristo), Ángela Mosquera (IES de Teis), Naiara Ameal (IES Montecelo), Aroha Sangiao (IES Muralla Romana) e Eylen Sofía Rodríguez (IES Ricardo Carvalho Calero), así como o alumno Andrés dos Santos (IES 12 de Outubro).

Naiara Ameal foi a representante do centro anfitrión na proba. GONZALO GARCÍA
Naiara Ameal foi a representante do centro anfitrión na proba. GONZALO GARCÍA

Antes de iniciar as probas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, asistiu ao comezo da xornada. "Estas primeiras olimpíadas específicas da FP básica complementan as que xa se celebran en torno aos ciclos formativos de grao medio e superior e comparten o obxectivo de proxectar, poñer en valor e difundir a Formación Profesional de gran nivel e máxima calidade, recoñecida en toda España, que temos en Galicia para que, especialmente a mocidade, a contemple como unha magnífica opción de futuro para formarse como persoas e profesionais e tamén para adentrarse no mercado laboral con grandes perspectivas de atopar un traballo", destacou.

As novidosas competicións da FPBasicaSkills 2022 dan continuidade ás xa consolidadas olimpíadas GaliciaSkills, que están orientadas aos ciclos medios e superiores, e nesta primeira edición contaron coa participación de 111 alumnos nas nove competicións.

Comentarios