Medal é nome femenino

Unha antoloxía de Lucía Novas é a primeira publicación dunha nova colección de poesía da Deputación centrada en mulleres poetas
undefined
photo_camera Lucía Novas, este sábado, no Edificio Castelao do Museo, na presentación da nova colección. DAVID FREIRE

Poemas dos seus tres libros publicados (Epiderme de estío, Neve e Cervatos) máis algúns outros inéditos conforman a antoloxía poética "Violetas no asfalto", da autora buenense Lucía Novas, coa que a Deputación de Pontevedra inaugura unha nova colección de poesía, Medal.

O Museo acolleu este sábado a presentación do proxecto, que coordina o que foi o seu impulsor, o artista e activista cultural Antón Sobral, e que publicará a mulleres poetas.

"Hai que agradecerlle á Deputación que faga esta aposta polo feminismo e pola igualdade. Estou moi honrada de que o meu libro inaugure esta colección", dixo Novas, que lle puxo o ramo ao acto ofrecendo un pequeno recital.

O seu volume conta cunha portada deseñada por Manolo Figueiras e cun limiar do crítico literario Ramón Nicolás.

Antón Sobral, que se referiu á autora escollida para abrir a colección como "unha das mellores poetas galegas nun momento excepcional da nosa poesía", explicou que Medal nacía, entre outras cousas, para "compensar" a cantidade de homes que foran publicados en coleccións anteriores da Deputación, como Tambo, "de xeito non intencionado, por suposto".

Segundo lembrou, "en Tambo publicáronse 32 títulos, 29 deles de homes e tres de mulleres". Tamén relacionou o nacemento do proxecto coa idea de considerar a Pontevedra "cidade da poesía". "Aquí fixemos durante nove anos Pontepoética, o festival de poesía máis importante de Galicia".

Tamén participou na presentación de Medal, a deputada responsable do Servizo de Publicacións da Deputación, María Ortega, que contou que o nome da colección se enmarcaba nunha tradición do organismo provincial: a de bautizalas co nome dunha illa pontevedresa.

"Neste caso escollemos Medal, unha illa de Ponte Sampaio, na que se reunían persoeiros como Castelao ou Laxeiro. Era un espazo de intercambio cultural e de pensamento, pero fundamentalmente de homes. Poñéndolle este nome á colección queriamos levar á illa o talento das mulleres da provincia", dixo Ortega.

As obras de Medal distribuiranse, como é habitual coas coleccións da Deputación, entre bibliotecas municipais e centros de ensino.

Comentarios