De medianeira a mural artístico en San Antoniño

Unha iniciativa do Placemaking Week Europe vestirá de arte urbana este barrio coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Carballo
20220921_Ggarcia_049
photo_camera Lores, Regueira e Peralta, entre outros, diante da medianeira na que se realizará a intervención. GONZALO GARCÍA

O barrio de San Antoniño contará en poucos días cunha intervención artística de primeiro nivel. A medianeira do edificio que fai esquina entre a rúa San Antoniño e a rúa Altamira, case á altura co cruzamento de José Millán, pasará a ser un mural artístico que lle dará ao lugar un aspecto renovado e innovador.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse ata o lugar este mércores acompañado do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o artista encargado da transformar a fachada deste edificio, Miguel Peralta –cómpre sinalar, que no mural tamén traballará Xoana Almar, ambos os dous membros da cooperativa Cestola na Cachola–, ao igual que fixo noutros puntos da xeografía do país –en Pontevedra, por exemplo, participou no pintado do pombal da Alameda–.

A actuación artística parte como unha colaboración financiada pola Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, exemplo habitual á hora de amosar o poder de cambio que estes murais teñen na contorna urbana, dentro do marco da Placemaking Week Europe, na que participarán ambas as dúas administracións, e que se iniciará a semana que vén na cidade de Pontevedra.

Os traballos comenzarán o vindeiro luns 26 e durarán entre catro e cinco días; Cestola na Cachola terá total liberdade creativa

Miguel Peralta sinalou que os traballos de pintado comezarán o luns e durarán entre catro e cinco días, tendo total liberdade creativa á hora de decorar este espazo. Utilizarán pintura plástica, rodetes e pinceis, os seus materiais e técnicas habituais.

O alcalde agradeceu a proposta da Deputación coruñesa e o traballo de Cestola na Cachola, ademais da do propietario do edificio ao permitir a creación deste novo punto artístico nun barrio que nos últimos tempos logrou atraer novas propostas e establecementos comerciais de ocio, cultura e educación, como a Escola Bonobo, Culebra Estudio, Alquimia ou Percalandia.

Regueira atende aos medios, coa medianeira ao fondo. GONZALO GARCÍA
Regueira atende aos medios, coa medianeira ao fondo. GONZALO GARCÍA

"É sempre unha sorte estar en Pontevedra, nunha vila tan ben coidada e cun urbanismo exemplar para todo o mundo", sinalou Regueira. "Esta é unha oportunidade pola nosa banda para demostrar o que estamos a facer nese sentido de mellora dos nosos ámbitos urbanos, coa transformación dos espazos urbanos a través de arte, reivindicando o talento e a beleza, mais tamén o traballo e a creatividade da xente que se adica á arte pública por todo o mundo".

Lores, pola súa parte, congratulouse de que Pontevedra se vaia beneficiar desta actuación, financiada polas administracións coruñesas, pois é unha medida "moi eficiente para embelecer a cidade e xerar arte na rúa". Lembrou que Carballo ten un "urbanismo herdado moi complicado", polo que puxo en marcha hai anos o proxecto Derrubando Muros con Pintura, que xa embeleceu máis dun cento de medianeiras no seu municipio e que supuxo, ademais, un revulsivo turístico.

PEREGRINA. O alcalde de Pontevedra, a preguntas dos medios, tamén se referiu á "medianeira" máis famosa de Pontevedra, en alusión ás traseiras do santuario da Peregrina, nas que nunca se chegou a materializar un proxecto de embelecemento debido á oposición da propiedade dos edificios implicados. O Concello ten posto o ollo tamén na parede situada xusto ao inicio de Benito Corbal, na parte baixa da antiga Domus Zúñiga (onde se atopa a Sidrería Montañés). "Estamos negociando" para convertila nun mural, explicou, pero "de momento non se chegou a un acordo".

Comentarios