Medio cento de persoas participaron na carreira solidaria organizada por Fisioterapia

Outras vinte persoas inscribíronse na modalidade do dorsal 0, para colaborar coa causa sen ter que completar o percorrido

Participantes na carreira solidaria de Fisioterapia.
GONZALO GARCÍA
photo_camera Participantes na carreira solidaria de Fisioterapia. GONZALO GARCÍA

Unhas 50 persoas participaron este xoves na Carreira Solidaria de Fisioterapia 2019, organizada polo alumnado en colaboración co Servizo Municipal de Deportes, na Illa das Esculturas de Pontevedra.

Con todo, foron 90 os inscritos na proba, que destinará o recadado –2 euros por persoa– á asociación Amencer-Aspace. De feito, contribuír ao labor que esta asociación leva a cabo con persoas con parálise cerebral e, á vez, promover á práctica da actividade física no día no que o centro celebra a festa do seu patrón, San Aquiles, eran os obxectivos principais da proba.

Segundo explica a alumna Teresa Bellón, unha das responsables da organización desta carreira solidaria, "preto de 20 persoas inscribíronse na modalidade do dorsal 0, xa que se trataba de xente que quería colaborar" pero que non ía completar o percorrido proposto de 2,7 quilómetros pola Illa das Esculturas.

Si o fixeron preto de 50 persoas, entre eles estudantes, docentes e persoal da facultade, xunto con persoas alleas á comunidade universitaria e un alumno e unha alumna do Programa Universitario para Maiores.

Segundo explican desde a organización, o propósito desta proba "non era a competición, senón que a xente se animase a participar e se divertise", de tal xeito que mesmo houbo quen se animou a participar disfrazado na carreira.

Diego Paz, ex-alumno da facultade, e a estudante da Facultade de Fisioterapia Leticia Fernández, que completaron o percorrido en preto de 9 minutos, foron os primeiros en cruzar a meta dunha proba que contou tamén coa presenza na meta de varios usuarios e usuarias de Amencer-Aspace e que se viu sucedida polo sorteo de agasallos doados entre os diferentes patrocinadores. 

Comentarios