Medio Natural inicia unha campaña de control de gaivotas

O Concello pasou das 150 parellas en 2014 ás 121 no pasado ano 2019 grazas á retirada de niños
Gaviotas posadas en el conjunto escultórico de la Praza de San Xosé. GONZALO GARCÍA
photo_camera Gaivotas posadas no conxunto escultórico da Praza de San Xosé. GONZALO GARCÍA

Os técnicos da empresa especializada Larus Control porán en marcha nestes días unha nova campaña de control das poboacións urbanas de gaivota patiamarela e pomba común. O servizo, que ten carácter gratuíto e que foi contratado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural grazas a un investimento de 18.126 euros, adaptarase este ano aos condicionantes da crise sanitaria da Covid-19, co establecemento dun protocolo de seguridade específico nas visitas aos edificios afectados.

Así, á hora de acceder aos tellados dos inmobles para retirar niños de gaivota patiamarela, os técnicos de Larus Control adoptarán diversas medidas de prevención, entre elas, acudir provistos de elementos como mascarillas, pantallas de protección, luvas e xeles desinfectantes, coa finalidade de evitar contaxios tanto entre os residentes como entre os propios traballadores.

Segundo precisa o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, a campaña de control de nidificación das especies silvestres, que se realiza por sétimo ano consecutivo no concello de Pontevedra, inaugurarase este venres 15 "coas chamadas de verificación previa aos afectados", comezándose xa coas intervencións sobre o terreo "a partir do vindeiro luns 18 de maio".

O edil socialista lembra que o servizo "pretende acadar unha mellora na calidade de vida dos cidadáns, efectuando unha correcta xestión da poboación destas aves para previr e evitar o crecemento desmesurado das mesmas e a aparición de posibles pragas e problemas de salubridade pública, ao tempo que se asegura o benestar destas especies". "Os principais obxectivos –explica Puentes son a redución e desprazamento das poboacións de aves que colonizaron o medio urbano, facendo uso do mesmo para alimentarse dos residuos e sobras xerados e empregando os tellados para establecer as súas zonas de crianza".

Entre os anos 2014 e 2019, o Concello conseguiu reducir de xeito substancial os seus problemas de superpoboación de gaivota patiamarela, pasando das máis de 250 parellas censadas no ano 2014 ás 121rexistradas na tempada de crianza do ano 2019.

Comentarios