Medio Natural remata os traballos de renovación da rede de sendas peonís da Xunqueira de Alba

Unha achega económica de 12.000 euros permitiu a rexeneración dun treito duns 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara. As obras foron executados pola empresa EC Casas
Vista aérea de Pontevedra con la Xunqueira de Alba en primer plano DP
photo_camera Vista aérea de Pontevedra con la Xunqueira de Alba en primer plano en una imagen de archivo. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural rematou nestes días o proxecto de rexeneración dun treito duns 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara, unha actuación que a empresa Construcciones EC Casas executou grazas a unha achega económica de 12.058,85 euros.

En concreto, os tramos de senda renovados atópanse entre unha das pontes que atravesa o río da Gándara (á altura da peaxe da AP-9) e a pasarela do Camiño Portugués a Santiago. Os traballos, que tiveran que interromperse por mor da hibernación das actividades construtivas que decretara o Goberno central, fixeron posible optimizar o estado de conservación dos sendeiros, especialmente nun par de treitos que suman arredor de 250 metros e que se viran moi afectados polas fortes precipitacións do pasado mes de novembro.

O proxecto de renovación da rede de roteiros das Marismas incluíu, entre outras obras, o levantamento da capa superior das sendas anteriores e a aplicación dun aporte de xabre para asentar o firme.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que o resultado dos traballos “é óptimo” e que os vieiros “agardan en perfectas condicións a que veñan tempos mellores para seren estreados”. “Tanto o Servizo de Medio Ambiente como o de Parques e Xardíns seguen a poñer a punto eses fermosos espazos naturais, parques e zonas de xogo que temos en Pontevedra -lembra o socialista- e que moi cedo volveremos a ocupar, desfrutando deles como nunca”.

Comentarios