Medio Natural substituirá as árbores mortas de varias rúas do centro

A rúa de San Antoniño será a máis tratada debido ao mal estado da súas árbores
photo_camera Árbores que serán tratadas en San Antoniño. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dirixida polo socialista Iván Puentes, porá en marcha esta semana un plan de execución de podas e reposición de árbores mortas nas rúas San Antoniño, Cobián Roffignac, Benito Corbal, Daniel de la Sota e Peregrina, así como nas zonas exteriores das prazas de Barcelos e As Regas.

Os traballos de tala de pólas de arboredo urbano serán executados por varias dotacións de operarios do Servizo Municipal de Parques e Xardíns especializados en poda en altura, que empregarán plataformas elevadoras, equipos de seguridade, motoserras, tesoiras e serras. O edil Iván Puentes explica que entre os obxectivos deste zafarrancho inclúese "a retirada e substitución dalgúns exemplares mortos ou en avanzado estado de deterioro e a eliminación das ramas secas e que presenten problemas, así como daquelas que poden causar molestias en edificacións ou fiestras".

Segundo engade, as actuacións buscan conservar e mellorar o estado sanitario das árbores "a través dunha óptima aireación das súas copas e da prevención de aparición de enfermidades cunha distribución equilibrada de plantas". Ademais, aproveitaranse os traballos para ir inspeccionando a posible presenza de problemas sanitarios e as podas adaptaranse ás características de cada especie e de cada rúa, "tentando preservar os principais valores paisaxísticos",

Os traballos levaranse a cabo minimizando as molestias para a cidadanía e iniciaranse nas pereiras situadas na confluencia de Daniel de la Sota coa rúa Peregrina, para continuar polas sóforas de Benito Corbal, os aligustres de Barcelos e as restantes zonas.

San Antoniño. Unha decena de árbores mortas serán repostas en San Antoniño. Os labores compaxinaranse cos de poda en toda a rúa, coa finalidade de acadar unha recuperación completa no que a arboredo e paisaxe se refire. Os operarios de Parques e Xardíns desmontarán os alcorques de lastra de pedra existentes, para proceder á retirada das raíces e troncos das árbores secas, sanear o terreo e plantar as novas árbores. Segundo precisaron este domingo fontes municipais, está prevista a limpeza de tódolos alcorques desta rúa e a substitución das ameixeiras por aligustres, tal e como se fixo en rúas como Alcalde Hevia.

Comentarios