"Os medios de comunicación son importantes, fundamentais"

Participantes na Mesa de Medios de Comunicación. CONCELLO

"Hai que trasladarlle á cidadanía que os medios de comunicación son importantes, fundamentais. Non só foron vitais durante a crise, senón que o van seguir sendo". Esta foi a reflexión de Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, durante a súa intervención na Mesa de Medios de Comunicación celebrada este xoves no marco das mesas sectoriais impulsados pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers.

Os participantes na videoconferencia subliñaron a importancia de poñer en valor o xornalismo local e plantexaron a necesidade de impulsar unha liña de axudas que incentiven a aposta de pemes e pequenos comercios polos medios de comunicación a través de publicidade e campañas. Ademais, reclamaron a necesidade de contar cunha delegación propia da CRTVG en Pontevedra e propuxeron a creación dunha Axenda Cultural que se podería materializar dentro da plataforma online de comercio e turismo que a Concellería está a deseñar.

Por último, incidiuse no fomento do uso da lingua galega na información, suxeriuse a posibilidade de poñer un marcha unha plataforma para dar a coñecer os nosos medios á cidadanía, e reivindicouse o papel dos xornalistas como "ollos da xente" durante esta pandemia.