martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Mel, artesanía e ecoloxía para "impulsar o mercado sostible"

Os apicultores e artesáns amosando as súas elaboracións na Feira do Mel, este luns. D. FREIRE
Os apicultores e artesáns amosando as súas elaboracións na Feira do Mel, este luns. D. FREIRE
A 'Meleira' conta nesra 28ª edición con dez novos apicultores e un mercado en rede que aposta polos produtos locais e artesanais

Deseñan, cosen, cultivan, etiquetan e distribúen eles mesmos. O mercado rural galego está a demostrar que ten moito por ofrecer aos consumidores, que cada vez apostan máis por produtos ecolóxicos e sostibles. A Feira do Mel 'Meleira', que se desenvolve ao longo desta semana ata o domingo, brinda visibilidade a estes negocios locais que, ademais de mel, expoñen postos de artesanía nun mercado en rede que aúna tradición e innovación.

Os visitantes que se achegan á feira máis doce teñen moita variedade onde escoller. E os zocos nunca son unha mala opción. Carlos Barro, mellor coñecido como 'Tango', leva máis de cincuenta anos dedicándose a elaborar zamancas cunha tradición familiar que vén de lonxe. "Sempre me gustou recuperar o que se está perdendo e amosarllo á xente", explica o zoqueiro. Mais esta profesión esquecida acadou un forte impulso nos últimos anos. Réplicas de zamancas centenarias ou chaveiros personalizados son algunhas das elaboracións máis demandadas na 'Meleira'. Un hobbie custoso que demostra que artesanía segue viva. "Eu veño aquí a disfrutar, non a traballar; seguirei ata que viva mantendo a tradición", asegura Tango.

Entre zocos tamén se atopan outras artesanías e métodos innovadores. É o caso de Aroa Bugallo, propietaria de 'Depileco', un método depilatorio natural "que é a mellora da pedra pómez", asegura. A través dunha manopra con microláminas de silicio, o cabelo é eliminado coa fricción dos movementos circulares sobre a pel. É un método alternativo de depilación de longa tradición que aposta pola ecoloxía e evita a xeración de novos residuos. Por isto, Aroa Bugallo leva sete anos apostando polo método que se recupera "ao non conter efectos tóxicos nin prexudicar a pel e o medio ambiente", explica a propietaria.

E mentres gozan das festas da Peregrina, non está demais que os amantes da gastronomía pasen a probar os queixos, meles, produtos da horta de cercanía e novos beberaxes que se atopan na 'Meleira'. Unha delas é a Kombucha, unha bebida milenaria moi saudable que se obtén a través da fermentación do té e que se converteu nunha das novidades da feira deste ano.

LABORATORIO DE MEL. Os derivados desta doce substancia son moitos, e cada vez máis orixinais. Claudio Fraga, de 'Apícolas Regueira', explica que a colmea é un "pequeno laboratorio" de onde saen todos os ingredientes cos que elaboran os seus produtos en Campo Lameiro. Mel, pole, propóleo ou xalea real son os principais.

Entre as novidades atópase o hidromel, unha bebida vikinga que ten a súa orixe na fermentación da auga e o mel, "unha especie de viño vikingo". O pole fresco conxelado esgotouse na primeira xornada, "por ser o máis completo que mantén todas as propiedades", explica Claudio. Mel en crema, cera de abella para cosmética natural, aloe vera mesturado con mel e manzanilla, e caramelos de diversos sabores fan da 'Meleira' unha feira de visita obrigada.

Mel, artesanía e ecoloxía para "impulsar o mercado sostible"
Comentarios