jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

Colares de chapas e perlas

Un dos expositores da feira. EMILIO MOLDES
Un dos expositores da feira. EMILIO MOLDES

Un abano de 13 expositores con diferentes mostras de artesanía galega, pero tamén do resto da Península amósase –e véndese– estes días na Praza da Ferraría. Pódense atopar pandeiretas, teas e mesmo bisutería feita con chapas de refrescos recicladas

Instrumentos musicais, complementos de coiro, xoias, tecidos e mesmo bisutería feita con chapas de refrescos recicladas. Todo iso pódese atopar estes días na feira de artesanía Chalana, que permanecerá instalada na Praza da Ferraría ata o vindeiro 4 de agosto. Só cómpre un paseo para ver unha ampla mostra do traballo dos artesáns galegos, pero tamén doutros puntos de España e, ademais, comprar algo.

Un dos expositores da feira de artesanía Chalana. EMILIO MOLDES (3)Esta é a XIII edición da feira, que se celebra todos os veráns en Pontevedra. "Este ano contamos con catro novos expositores", indicaba Edita Oca, vicepresidenta da Asociación de Deseño Atlántico, que indicaba ademais que no evento danse cita artesáns de puntos como Málaga ou Granada, ademais de galegos. Nas casetas instaladas, están representados diferentes oficios, desde artesáns que traballan a prata, a expertos no tratamento da madeira, os tecidos ou o vidro.

"Sabemos que a cousa vai ben porque a xente repite", indicaba este mércores Edita durante a inauguración do mercado. Deste xeito, hai expositores que levan anos repetindo a cita de cada verán para vender os seus produtos.

Un dos expositores da feira de artesanía Chalana. EMILIO MOLDES (4)Pilar Coto, responsable do obradoiro de prata Amorei, de Arcade, é unha das que ten a cita da Ferraría marcada no almanaque dende hai meses. "Xa son varios os anos que levamos vindo e cremos que esta vez volverá irnos ben", indicaba o mércores. Pero tamén os clientes esperan a chegada de Chalana, xa que a propia Pilar Coto contaba que había xa clientes fixos que agardaban durante o ano pola chegada da feira para poder mercar os seus produtos. "Poder estar nun lugar como a Praza da Ferraría, pola que pasa tanta xente e é un punto central da cidade de Pontevedra, é moi importante para poñer en valor a artesanía", dixo. Pero non só é vital chegar aos pontevedreses, os artesáns tamén poñen o ollo nos turistas que visitan as Rías Baixas e que realizan compras na feira. Este mesmo mércores, pouco despois da inauguración, unha parella de visitantes procedentes de Madrid compraba agasallos de recordo nun dos expositores. "Hemos pasado por aquí y nos hemos encontrado detalles muy bonitos, por eso llevamos un par de pendientes y colgantes para regalar a la familia a la vuelta", explicaban.

Un dos expositores da feira de artesanía Chalana. EMILIO MOLDES (2)Acababan de facer parada nun dos stands nos que se vendían produtos de bisutería como colares e pendentes, pero tamén chaveiros, con chapas de refrescos recicladas. Dende tapas de cervexa ata outras que se corresponden con botellas de Cocacola con diferentes cores e deseños. Pola súa parte, no expositor de Amorei, rexentado por Couto, o produto estrela son os pendentes, pero tamén outro tipo de complementos para facer xogo con eles. "A maioría das veces a xente ven buscando regalos, pero tamén hai quen comprou algo o ano pasado e desta vez volve para atopar outra xoia que lle vaia a xogo", contaba.

Todos os produtos que vende amorei son elaborados en Arcade a base de prata e pedras naturais de doferentes cores. As máis empregadas son a amatista, aguamarina, malaquita, lapislázuli ou perlas. "Incluso temos unha pedra arxentina, que non é moi coñecida por aquí e que se chama rodocrosita". Trátase dun mineral pouco frecuente de cor entre rosa e marrón claro.

Á inauguración do mércores asistiu tamén a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, que valorou positivamente o encontro antes de facer un percorrido polos postos para coñecer de primeira man as impresións dos artesáns. "Estamos defendendo dúas cousas moi importantes, por unha banda, que a artesanía e o deseño galegos teñen marca propia e estas citas son unha boa mostra deso. Que haxa expositores que repiten, que haxa clientela fixa que está esperando a que se celebre a feira para vir a comprar algo diferente é moi importante. Temos que visibilizar o concepto de Deseño Atlántico. Para iso están os espazos públicos, para promocionar e para visibilizar", explicaba este mércores a concelleira Gulías.

Horarios. Casetas dispoñibles pola mañá e ata as 22.30 horas

Un dos expositores da feira de artesanía Chalana. EMILIO MOLDES (5)

As casetas das e dos artesáns que participan na feira Chalana teñen un horario de apertura ao público de 11.00 horas a 14.00 horas, polas mañás, e de 19.00 a 22.30 horas durante as tardes.

O mercado de artesanía Chalana beneficiarase tamén da cantidade de público que se achegue nos próximos días ao Festival Internacional de Jazz e Blues, que celebrará os seus concertos centrais na praza da Ferraría, o que encherá o lugar de clientes potenciais á última hora do día.

Colares de chapas e perlas
Comentarios