viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

"Para mellorar a supervivencia en cancro hai que ter máis investigación"

Pacientes oncolóxicas e voluntarias da AECC ondeando, esre xoves, a bandeira da asoaciación. GONZALO GARCÍA
Pacientes oncolóxicas e voluntarias da AECC ondeando, esre xoves, a bandeira da asoaciación. GONZALO GARCÍA
A AECC saiu este xoves a rúa para animar á cidadanía a sumarse ao seu movemento social e conseguir fondos para esta enfermidade

"Investigar en cancro é salvar vidas", esta frase de Carolina Iñarrea, unha paciente oncolóxica, resúmese á perfección o obxectivo da campaña que a Asociación Española Contra o Cancro puxo este xoves en marcha na capital da provincia.

Baixo o lema Haz de tu lucha contra el cáncer tu bandera, a entidade pontevedresa repartiu pola cidade 24 mesas petitorias, as cales contaron coa participación de más de 130 persoas entre voluntarios e colaboradores. Todos eles uníronse ao colectivo co obxectivo de recadar fondos para a investigación. Entre eles se atopaban diferentes membros da Brilat; dos colexios Los Sauces, Sagrado Corazón e Doroteas; usuarios de Amencer-Aspace; da Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo de Ponte Caldelas; así como tamén integrantes da Sociedade Ximnástica de Pontevedra.

"O obxectivo desta actividade de obtención de recursos é financiar todos os proxectos de investigación que temos en marcha e os servizos gratuitos que damos a pacientes e familiares. Este ano, ademais, dende a AECC quixemos xerar un movemento social no que implicásemos a toda a sociedade, porque para mellorar a supervivencia en cancro hai que conseguir máis investigación", explicou Rebeca Castro, coordinadora de voluntariado.

Outra das finalidades do colectivo pontevedrés era poñer o foco nas desigualdades que seguen existindo neste ámbito, xa que, tal e como apunta Castro, "non todos os cancros se investigan do mesmo xeito e aínda hai moitos que teñen supervivencia estancada".

Xustamente nesta liña, Carolina Iñarrea señalou este xoves que "aínda que o cancro debería ser igual para todos, e é verdade que a Seguridade Social brinda a todo o mundo a oportunidade de curar e salvar vidas, o certo é que coa covid quedou todo un pouco apartado e todo vai con un pouco máis de demora".

Esta paciente lle diagnosticaron cancro de mama o pasado Nadal e foi operada o día de fin de ano. "Agora estou co tratamento semanal de qumioterapia e coa ilusión de gañar esta batalla", afirmou.

Xunto a ela se atopaba Merchi Gómez, filla dunha paciente que tamén ten cancro de mama. "A situación é moi complicada porque cando empezas e te din que a túa nai ten cancro é moi chocante", explicou.

DATOS. A AECC apoia a máis de 1.000 investigadores en 525 proxectos abertos que investigan o cancro por un total de 92 millóns de euros. Manténdose así como a entidade que maior impulso da á investigación oncolóxica.

Na provincia de Pontevedra, ao longo de 2021, a entidade impulsou o proxecto do doctor David Posada, Análisis del microbioma para el desarrollo de biomarcadores no invasivos para el cribado de cáncer colorrectal. En total, o colectivo pontevedrés entregou unha axuda de 273.973,51 euros para esta investigación. Por outra banda, tamén destinou 3.600 euros a tres alumnos para as súas Prácticas en Laboratorio.

Provincia. Case 15.000 intervencións ao longo de 2021
A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra realizou no 2021 un total de 14.989 intervencións a pacientes con cancro e a familiares de toda a provincia.

A maior parte delas, 8.365, foron de atención psicolóxica: máis de 5.000 a pacientes oncolóxicos en final de vida e familiares, máis de 3.000 atencións a outros pacientes e familiares, e un centenar correspóndese á deshabituación tabáquica.

Por outra banda, a seguinte cifra máis alta nas atencións da AECC correspóndese ás intervencións de voluntariado, en total, 2.649.

No terceiro posto están as intervencións de atención social, 2.528, e, no último, as do Servizo de Logopedia a persoas con cancro de cabeza ou pescozo.

"Para mellorar a supervivencia en cancro hai que ter máis...
Comentarios