jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

Memoria da industria que foi

José Chas xunto a dúas das obras que expón desde este xoves no Pazo da Cultura. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
José Chas xunto a dúas das obras que expón desde este xoves no Pazo da Cultura. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O fotógrafo José Chas ten colgada, ata o 24 de febreiro, no Pazo da Cultura, a exposición 'Memoria industrial en Galicia', composta por 20 imaxes nas que documenta ruínas de fábricas e industrias de toda Galicia

"Todo isto sácase adiante por unha cuestión de paixón. Por iso se foi facendo de xeito autofinanciado e roubándolle tempo ao meu traballo e á miña familia", di José Chas (Pontevedra, 1976) sobre o seu traballo de documentación fotográfica das fábricas abandonadas en Galicia. Comezou hai 15 anos, cando aínda era estudante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Este xoves inaugurou unha exposición con 20 fotografías deste proxecto, que ten como soporte principal un blog: memoriaindustrialengalicia.wordpress.com.

O Pazo da Cultura acollerá ata o 24 de febreiro a primeira gran exposición de José Chas na cidade. Con anterioridade xa protagonizara outra (2010), relacionada con este mesmo proxecto, no Museo do Mar. "Só que aquela estaba centrada exclusivamente nas conserveiras". Desta vez mostra imaxes que demostran que o seu traballo é moito máis amplo e, ademais de fábricas, inclúe restos industriais de todo tipo. "Teño localizados arredor de 300 en toda Galicia". Entre outras cousas hai chemineas, serradoiros... Na mostra do Pazo da Cultura pódese ver, por exemplo, o que queda da antiga fábrica de xabón de Mollavao. Agora, a aspiración de Chas é que todo este traballo remate nunha publicación. "Niso estamos. Probablemente se faga cunha editorial galega. Pero non teño présa. O proxecto segue aberto".

A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, está detrás da organización desta mostra de José Chas, ao que coñeceu tras coincidir en diferentes iniciativas da programación Pontevedra ten un puntazo, da súa concellería. "Cando me falou do seu blog, pareceume imposible que ninguén recollera antes este traballo para visibilizalo. Porque isto vai moito máis alá da calidade artística".

Chan, sobre a publicación das fotografías: Niso estamos. Probablemente se faga cunha editorial galega. Pero non teño présa. O proxecto segue aberto

CONSERVACIÓN. Para Gulías, as fotos de Chas son "unha delicia" e documentan parte da historia deste país. "Fixo un traballo inmenso. Porque nel cabe pasado, presente e futuro. Para min estamos ante un patrimonio industrial que deberiamos conservar".

O fotógrafo pontevedrés explica que, se ben comezou a fotografar as ruínas industriais dentro dun proxecto artístico da Facultade de Belas Artes, centrándose no seu aspecto estético, o propio traballo, ao continuar no tempo, levouno a achegarse ás instantáneas dende outra perspectiva máis ligada á memoria. "A propias circunstancias do proxecto leváronme a ir máis alá da estética e a acabar reflexionando sobre o impacto destas industrias e a súa historia, ligada moitas veces ao desenvolvemento e aos problemas específicos de cada zona".

O obxectivo de Chas é visibilizar todo este patrimonio galego. "Temos todo un patrimonio oculto. Hai que quitarlle o pano. O que me interesa é que se coñezan estes espazos".

Debate
Charlas na Casa da Luz


Para reflexionar dende diferentes perspectivas sobre as fotos de Chas, a mostra complementarase cunha xornada de charlas aberta ao público. Será o xoves 17 de xaneiro na Casa da Luz e nela que participarán o fotógrafo e mestre Manuel Sendón; a directora do grao de Paisaxe da Universidade da Coruña, Cristina García Fontán, e o catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago Xoán Carmona Badía.

 

Memoria da industria que foi
Comentarios