A Concellería de Patrimonio e Memoria Histórica de Pontevedra puxo de novo en marcha, dentro do programa A Memoria das Mulleres, un ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas.
Nesta ocasión, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes na web dogrisaovioleta.gal.
O destacable éxito da anterior campaña levou ao Concello capitalino a apostar de novo por este innovador formato, tendo en conta que algún dos vídeos da pasada edición chegou a contar con milleiros de reproducións e mesmo a facerse viral entre a comunidade dixital galega, cumprindo co obxectivo de divulgar un coñecemento que non sempre está a man entre as xeracións máis mozas, e mesmo tampouco entre as persoas adultas.
Rebotados a máis redes
De novo, a plataforma escollida para a publicación dos vídeos será TikTok, aínda que é habitual ver como os vídeos acaban sendo publicados ou rebotados a outras redes tralo seu lanzamento.
"Volvemos retomar esta vía de comunicación porque cremos que é unha aposta de cara á mocidade, un xeito de chegar e divulgar unha parte da memoria histórica, cunha ollada, ademais, feminista e feminina, nunha linguaxe coñecida por ela", explicou Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica.
Como é habitual, todo o contido dos vídeos estará en galego e será publicado ao longo do que queda deste ano 2022.
2.000 visualizacións
Así, o primeiro vídeo foi publicado na noite deste pasado venres 22 de abril e este sábado pola mañá xa contaba con máis de 200 interaccións e case 2.000 visualizacións en menos de doce horas. E esas cifras seguiron medrando ao longo da xornada e de seguro que continuarán a facelo.
María Rúa foi a encargada de abrir esta nova serie de vídeos contando a vida de Regina do Batán, unha muller "brava e forte que lles abriu camiño ás demais", indicou.
Tal e como lembrou Moreda, o proxecto A memoria das Mulleres, nacido no ano 2013 da man do Concello, ten como finalidade construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.