Memoria de Elefanta e Estudo Bonobo conxugan música e memoria histórica

► A nova actividade promovida desde o Concello conta coa participación de 20 estudantes de distintos centros de secundaria
O concelleiro Xaquín Mareda asistiu o sábado ao inicio da actividade en Estudio Bonobo. MEMORIA DE ELEFANTA
photo_camera O concelleiro Xaquín Mareda asistiu o sábado ao inicio da actividade en Estudio Bonobo. MEMORIA DE ELEFANTA

O edil de Memoria histórica, Xaquín Moreda, achegouse o sábado até Estudo Bonobo, na rúa San Antoniño, para saudar e ver de primeira man o inicio da nova actividade proxectada desde o programa municipal Memoria de Elefanta.

Nesta ocasión, 20 rapaces e rapazas de distintos centros de secundaria da cidade colaborarán e participarán na creación dunha peza musical desde cero, onde mesturarán esta disciplina artística coa propia memoria histórica. O proceso abrangue desde a fase de composición, ata a de produción, gravación, edición e, finalmente, o deseño dun videoclip para a mesma.

Memoria de Elefanta é un programa nacido baixo o paraugas da área dirixida polo edil Xaquín Moreda para complementar todo o feito en materia de Memoria Histórica polo Concello de Pontevedra ao longo dos últimos anos, mais pensando en incorporar á mocidade e a novos públicos ao movemento memorialístico, nun momento no que lembrar o acontecido no pasado se torna, se cabe, máis necesario ca nunca.

Artecalavera

Así, desta vez, Artecalavera e Estudo Bonobo súmanse á participación no programa Memoria de Elefanta para realizar unha intervención en materia de creación musical e composición escrita.

Ao longo da mañá, a rapazada participante organizouse en grupos diversos e mesturados para asaltar as diferentes partes do proceso artístico, aportando ideas para a futura letra, coñecendo o funcionamento de instrumentos coma os sintetizadores ou a creación de ritmos e secuencias no propio estudio.

Futuras datas

O calendario desta iniciativas continuará con máis actividades o mes vindeiro: os días 1 e 8 de abril haberá novas sesións de traballo en Estudio Bonobo e o día 22 terá lugar a gravación da canción composta.

Ao longo do mes de maio será deseñado e realizado o videoclip, para posteriormente ser presentado de xeito público.

O programa de Memoria de Elefanta continúa deste xeito involucrando a mocidade dentro da memoria da cidade e das súas xentes e historias de seu.

Tal e como lembrou o Concello, hai apenas unha semana viu a luz un novo vídeo didáctico e divulgativo, feito baixo o paraugas desta proposta municipal, que afonda na guerra de España e o acontecido durante a mesma en Galicia, divulgando a historia do país dun xeito moderno e actualizado.

Comentarios