Memoria, música e dignidade da man do documental 'Acorda'

Pontevedra acolle este venres no Teatro Principal a preestrea da peza audiovisual, con dirección de Uxía e guión de Lois Pérez
Tanxugueiras nunha das fotos do 'making of' que estará na exposición do Arquivo Provincial. ALBA DÍAS
photo_camera Tanxugueiras nunha das fotos do 'making of' que estará na exposición do Arquivo Provincial. ALBA DÍAZ

Dende a Volta da Moura á Illa de San Simón, un mapa da memoria feito con cancións e con testemuños sobre o horror. É o que propón Acorda, un documental da Deputación de Pontevedra, dirixido por Uxía e con guión de Lois Pérez, no que participan artistas como Tanxugueiras ou Eladio Santos. A peza estréase este venres á noitiña no Teatro Principal (coas invitacións esgotadas e con lista de agarda).

A idea inicial de Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra partiu do departamento de Memoria da Deputación, que dirixe a nacionalista María Ortega. Foi ela a que lles propuxo a Uxía e a Marina Carracedo que se encargasen da dirección artística do proxecto. Cando a peza comezou a medrar, incorporouse o poeta Lois Pérez como guionista. O resultado final contou con Lucas Terceiro na realización e con Montse Fajardo como asesora de contidos. Arturo Vaquero encargouse do son.

"Inicialmente o que iamos facer era gravar unha serie de videoclips en lugares vinculados coa memoria na provincia, con ese mapa da barbarie que nós quixemos poboar de cancións e de música. Pero tamén nos parecía interesante contextualizar un pouco o que presentabamos, falar do que aconteceu en cada un deses espazos. Aí foi onde entrou Lois Pérez e a escrita dun guión", explica Uxía.

Quixemos recoller o sentir de hoxe, de agora, con respecto a eses tempos de dor e de guerra que aínda seguen a proer

"Foi así que pasamos daquela idea inicial dunha sucesión de videoclips a un documental, onde quixemos recoller o sentir de hoxe, de agora, con respecto a eses tempos de dor e de guerra que aínda seguen a proer. E quixemos contalo con música e con poesía". E remata: "Acorda tiña que ser un traballo reivindicativo, pero que ollase cara o futuro; que alzase a voz, pero tamén que fose solidario e sanador. Porque contamos historias que son de represión e morte, pero tamén de dignidade e resistencia".

No documental acabaron involucrándose algunhas das voces (dez en total, interpretando sete temas) máis importantes da escena musical galega actual. Situadas en distintos espazos e interpretando distintos temas van compoñendo o mapa que a peza quere trazar. "As cancións foron as que nos guiaron", di Uxía. "Era importante que tivesen ese contido que buscabamos. Igual que era importante que quen as interpretase as sentise fondamente".

Tatán falando con Lois Pérez. ALBA DÍAS

OUFF. Tralo pase de este venres en Pontevedra, o proxecto, que se completa co traballo actoral de Tatán, Tero Rodríguez ou Andrés Giráldez, así como cos testemuños reais de persoas como Queta Molas, Blanca Francés ou Telmo Comesaña, estrearase oficialmente no Festival de Cine de Ourense (OUFF).

Acorda levou ás Tanxugueiras a interpretar, na Volta dos Nove, en Baiona, unha peza do seu último disco, Autocracia, "con esa forza que teñen sendo tan novas e que tanto impresiona". Eladio Santos foi escolleito a raíz da publicación do seu disco Cantares, "no que fai un percorrido por algunhas das pezas máis importantes da nosa historia musical". Canta Agardarei, un poema de Celso Emilio Ferreiro, en Alcabre (Vigo).

Ugía Pedreira e Marina Oural fan unha performance sobre o Romance da lavandeira, en Marín, a partir da historia da Capirota. "Puxeron toda a alma nesta performance", explica Uxía. Sheila Patricia, "que ademais é neta dunha das madriñas de San Simón", canta Manolo mío en Cangas. Ezetaerre cantaron, na Volta da Moura (Tui), Herdanza do vento.

Uxía e Su Garrido. ALBA DÍAS

Ademais, Emilio Rúa e Silvia Penide "fan un dueto marabilloso" en Vida miña, un tema de Rúa. Finalmente, a propia Uxía compuxo unha peza ad hoc para o documental, Paxaros que cantan, que interpreta xunto a Su Garrido.

Exposición e coloquio
A preestrea de Acorda completarase con dúas actividades por parte da Deputación. A primeira, unha exposición, que quedará aberta este venres pola mañá no vestíbulo do Arquivo Provincial e poderase visitar ata finais de mes (entrada libre e gratuíta). Trátase dunha mostra de Alba Díaz, encargada da foto fixa e do making of do documental. Reúne algunhas das súas instantáneas en branco e negro tomadas durante a produción da peza.

A outra actividade terá lugar despois da proxección no mesmo Teatro Principal. Será un pequeno coloquio, aberto ao público, con integrantes tanto do equipo artístico da película como de representantes de colectivos memorialistas da provincia de Pontevedra.

Comentarios