Memoria rural fronte ás présas das cidades

A exposición 'A vida lenta' reúne fotografías de tres fondos de entre os anos 1930 e finais do século XX, combinadas cunha banda sonora, poesía e pezas audiovisuais no Café Moderno
undefined
photo_camera Inauguración da exposición 'A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego'. GONZALO GARCÍA

Como unha reivindicación da memoria rural fronte ás présas e os ritmos das cidades e contra a desmemoria e a "soberbia contemporánea que nos fai esquecer de onde vimos". Con esa vocación chega a Pontevedra a exposición A vida lenta, un proxecto da Obra Social de Abanca que conxuga fotografía, audiovisual, poesía e música nunha reflexión sobre o rural galego, coordinada polo director, guionista e produtor Aser Álvarez.

A mostra abarca imaxes fotográficas de tres fondos diferentes (o Ministerio de Agricultura, o arquivo persoal do fotógrafo Carlos Valcárcel e a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión) que se combinan cos sons da Galicia rural seleccionados por Moisés Quintas, que elaborou unha banda sonora para a mostra con alalás, instrumentos tradicionais e sons como o renxer dun carro ou a roda dun muíño moendo.

Na exposición, que pode verse no Café Moderno ata o 15 de xaneiro, tamén se inclúen entrevistas con persoas destacadas que traballan no ámbito rural como Elena Ferro ou Javier Olleros, vídeos do rural galego e fragmentos de poemas dalgúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación dos últimos anos.

"Este é un bo momento para reflexionar sobre os ritmos lentos que amosan estas fotos e os valores que podemos extraer das mesmas", explicaba este mércores a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

Cafe Moderno_ Inauguracion da exposicion de Aser Alvarez no Cafe Moderno_ A mostra chamase _A vida lenta_ Memorias e ritmos do rural galego_

Pola súa banda, Aser Álvarez sinalou que "baixo a etiqueta rural simplifícase unha enorme riqueza e diversidade" e esta mostra pretende amosar todas as Galicias rurais, dende a costa ao interior. Por outra parte, tamén Aser indicou o necesario que é contribuír á reflexión arredor de certas preguntas como "cal é o ritmo de vida que levamos, como nos afecta esta crise do mundo rural que ten un carácter planetario, cales son as respostas aos desequilibrios e desigualdades sociais e cara a que futuro camiñamos".

Na presentación da mostra participou tamén o musicólogo Moisés Quintas, que explicou que parte dos sons extintos no rural galego, polo uso de novas ferramentas e maquinaria ou pola fin de certos traballos, foron recollidos do arquivo do Consello da Cultura Galega para formar parte desta mostra.

Cafe Moderno_ Inauguracion da exposicion de Aser Alvarez no Cafe Moderno_ A mostra chamase _A vida lenta_ Memorias e ritmos do rural galego_

Do mesmo xeito, explicou que os alalás que se reproducen nas salas expositivas son composicións antigas que proveñen dos cantos gregorianos e mesmo fixo unha exhibición dos instrumentos musicais máis vellos, todos de orixe pastoril, tocando unha caramela (frauta elaborada co corno dun animal) e outras frautas elaboradas con canas, cerámica ou ósos de cabrito.

Comentarios