"Mentres non haxa igualdade real, haberá loita feminista!"

A Corporación municipal de Pontevedra respalda o manifesto do 8 de marzo que este ano correu a cargo de Martiña Alexandra Riobó Touriño, alumna do IES Valle-Inclán e presidenta do seu equipo de Igualdade
Martiña Alexandra Riobó Touriña, alumna do IES Valle-Inclán que leu o manifesto do 8-M. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Martiña Alexandra Riobó Touriña, alumna do IES Valle-Inclán que leu o manifesto do 8-M. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Corporación municipal de Pontevedra respaldou este luns o manifesto do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que este ano correu a cargo do alumnado do IES Valle-Inclán. A autora do texto foi Martiña Alexandra Riobó Touriño, estudante de 2º da ESO e presidenta do equipo de Igualdade do nomeado instituto, que estivo arroupada pola súa familia, parte do seu profesorado e compañeiras e compañeiros da ESO e Bacharelato.

Na súa intervención, que tivo lugar antes do Pleno ordinario de febreiro, no Teatro Principal, a autora fixo fincapé na necesidade da "igualdade real" e sinalou as dificultades que teñen as mulleres en distintos eidos, tanto social como laboral, para acadar as mesmas cotas que os homes. Tamén lanzou varias preguntas ao aire. "Por que seguimos a ser acosadas no traballo, na discoteca, na rúa e temos que soportar case a diario comentarios e comportamentos sexistas?" dicía unha delas.

O estudantado pontevedrés será o encargado de elaborar os futuros manifestos do 8-M. Farano os seus consellos de Igualdade, tal e como confirmou o Concello.

Texto íntegro do manifesto polo 8-M

"Neste 8 de marzo queremos agradecer a esta corporación que nos dea voz ás mozas novas, que non temos un panorama demasiado esperanzador de cara a converternos en futuras mulleres traballadoras. É importante que escoitedes a nosa voz porque, ademais de ser o futuro, habitamos xa o presente e estamos cansas de escoitar cousas como “O feminismo está indo moi lonxe. Como vou a ser machista se teño nais e irmás? Vós sodes unhas feminazis. Nin machismo nin feminismo, igualdade”. Non entendemos que se nos quere dicir con iso. O feminismo segundo a Real Academia Galega é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre os homes e as mulleres. Tamén di que o machismo é a ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía dos varóns e non acepta esa igualdade. De verdade credes que son equiparables machismo e feminismo? Non vos parece que sería como equiparar ditadura e democracia? Prisión e liberdade?

Feminismo é liberdade. E tamén posibilita aos mozos amosarse como son, coa súa sensibilidade, os seus propios gustos, e non os que dita o patriarcado.

Alumnado do IES Valle-Inclán escoitando á súa compañeira durante a lectura do manifesto do 8-M no Principal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Alumnado do IES Valle-Inclán escoitando á súa compañeira durante a lectura do manifesto do 8-M no Principal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Cando o feminismo avanza, non deixa ninguén atrás. A quen di, nin machismo nin feminismo, igualdade, queremos preguntarlle: Se queredes igualdade, por que non sodes feministas? Hai aínda demasiadas persoas que din que as mulleres xa temos dereitos dabondo, e que nos estamos a pasar con tanta vindicación. Que estamos en todas partes, que as cotas van contra os homes e agora somos nós as que queremos ser superiores. Pero segundo as estatísticas, esas mesmas persoas tamén admiten que as mulleres pasan o dobre de tempo que os homes coidando da familia, que nosoutras temos máis problemas para atopar traballo, que temos a liña de saída máis lonxe só por nacer muller. Todo iso amosaría que estamos moi lonxe de lograr a igualdade real. Se xa existise, como se explica que pese máis a palabra dun home que a dunha muller? Por que nós temos que traballar o triplo para demostrar que somos válidas? Por que as xefaturas son ocupadas maioritariamente por eles mentres que as tarefas de coidado e servizo doméstico as realizan nomeadamente mulleres? Por que a quen loitamos por equiparar as cousas seguen a chamarnos feminazis? Por que se unha moza sae con varias persoas é insultada mentres que se fan eles só reciben afagos? Por que nós volvemos de noite á casa con medo, coas chaves nunha man e o teléfono noutra mentres os nosos compañeiros camiñan tranquilos? Se hai igualdade, porque seguimos a ser acosadas no traballo, na discoteca, na rúa e temos que soportar case a diario comentarios e comportamentos sexistas?

O feminismo é algo bo. As persoas feministas queremos a igualdade para todas, todos e todes. Queremos que non se xulgue a ninguén polo xénero co que se identifica, e abolir os roles predefinidos, para que ninguén teña que renunciar a ser quen é en realidade. Por iso, non admitiremos nin un paso atrás. É máis, debemos seguir dando pasos, como fixeron no seu momento as nosas avoas, seguen facendo as nosas nais e faremos nós de aquí en diante.

Mentres non haxa igualdade real, haberá loita feminista!"