O mercadillo de antigüidades regresa o vindeiro domingo en Pontevedra

Será na rúa Serra cos mesmos protocolos de seguridade das feiras de Rafael Areses e Estribela 
Puestos del mercadillo de antigüedades de Pontevedra. ARCHIVO
photo_camera Imaxe de arquivo do mercadillo de antigüidades. ARQUVO

O tradicional mercadillo de antigüidades de Pontevedra regresará o vindeiro domingo 21 de xuño á rúa Serra coas mesmas estritas medidas e protocolos de seguridade que xa se están a aplicar nas feiras ambulantes de Rafael Areses e Estribela. Así, segundo avanza a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, os 39 postos de venda que se instalarán nas inmediacións do Mercado de Abastos “deberán manter entre si unha distancia lateral mínima de 3,5 metros e frontal de 6 metros”.

Asemade, establecerase un itinerario con sentido único de circulación, delimitado mediante cinta de precinto, previndo deste xeito as posibles aglomeracións de clientes. Outros dos requisitos impostos por Yoya Blanco consisten na instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico nas zonas de entrada e saída e a colocación de plásticos que cubran os artigos á venda nos postos, “evitando que un mesmo obxecto poida pasar por decenas de mans e obrigando a que sexa o vendedor o que o manipule no caso de que un cliente pregunte por el”.

“Aínda que nesta nova normalidade xa se establece un aforo dun 75%, cremos que sería unha irresponsabilidade non aplicar as mesmas medidas de protección contra a Covid-19 que tan bo resultado nos deron na reapertura das feiras ambulantes de Rafael Areses e Marqués de Valterra. O mercadillo volverá á rúa Serra en horario de 9.00 a 14.30 horas e agardamos que os moitos asiduos que ten esta clásica cita dominical desfruten dela con sentidiño”, subliña a edil de Promoción Económica.

Comentarios